As lonxas galegas avanzan na súa dixitalización ao abeiro do Programa Primare

luns, 12 de febreiro do 2018 Redacción

A Xunta inicia a dixitalización das lonxas en 10 das 35 rulas previstas no marco do Programa Primare. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, mantiveron unha xuntanza de traballos co patróns maiores e responsables das confrarías que participan na primeira fase da iniciativa: Arcade, Cangas, Ferrol, Fisterra, Illa de Arousa, Moaña, Portonovo, Redondela, Vigo e Vilaboa.
Serán as primeiras lonxas que terán á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda, modernizando a xestión duns procesos fundamentais na xestión e comercialización que se desenvolve nas lonxas galegas.
As lonxas terán acceso nesa plataforma a unha nova solución de comercialización que lles permitirá obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos; así como introducir e validar a información de xeito directo desde outros sistemas de información. A iniciativa inclúe a renovación dos equipos tecnolóxicos asociados que sexa necesario: pantallas de poxa, servidores, smartphones, equipamento que facilite a comunicación con básculas e etiquetadores, etc.
Disporán tamén dun novo sistema de xestión da actividade propia da lonxa e da confraría (comercialización, subministracións, presentación de servizos,...), que lles facilitará a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).

Poxas en liña

Ademais, o novo sistema de comercialización posibilitará as poxas a través da Internet, que poderán realizarse directamente desde unha nova aplicación instalada no smartphone. Poderase tamén poxar en diferentes rulas ao mesmo tempo por parte de compradores presenciais e non presenciais, o que cambiará de maneira substancial os procedementos das lonxas tradicionais, permitindo obter maior valor engadido para os vendedores.
En paralelo, as actuacións que se porán en marcha teñen previsto a mellora ao longo do 2018 tanto da conectividade ás redes de comunicacións, ampliando as capacidades e mellorando a fiabilidade actual, como das infraestruturas e equipamentos tecnolóxico das rulas.

Modernización de centros neurálxicos

Co proceso de dixitalización mellorarase a xestión das lonxas en todo o que ten que ver coa a trazabilidade e a seguridade alimentaria e contribuirase a aumentar a eficiencia, a seguridade e a mellora das condicións de traballo. Estes son aspectos fundamentais, tendo en conta que as lonxas son na actualidade os centros neurálxicos para a comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, acadando no ano 2016 os 500 millóns de euros de facturación pola venda de peixe e marisco.
Para levar a cabo estas actuacións a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros distribuídos nas anualidades 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

PUBLICIDADE