As marcas de maior valor global pertencen ao sector tecnolóxico

mércores, 15 de outubro do 2025 Redacción

Samsung Electronics foi recoñecida por Interbrand, consultora que publica cada ano unha listaxe coas mellores marcas a nivel global, como marca Global Top 5 por sexto ano consecutivo. Na listaxe deste ano, Samsung rexistrou un valor de marca de 90.500 millóns de dólares, mantendo a súa posición como a única empresa asiática que permanece entre as cinco primeiras do mundo desde 2020.
Segundo Interbrand, na avaliación de Samsung Electronics tiveron en conta: o reforzo da competitividade en materia de IA en todas as divisións empresariais da compañía; a mellora da experiencia do cliente grazas á integración unificada de todos os produtos; o investimento específico en semicondutores relacionados coa IA; e a execución dunha estratexia de marca centrada no cliente.
As Mellores Marcas Globais de Interbrand clasifícanse en función da avaliación do valor de cada marca, resultado dunha análise exhaustiva dos resultados financeiros e das perspectivas da empresa, da influencia da marca nas compras dos clientes e da competitividade da marca (incluíndo a estratexia, a empatía, a diferenciación, o compromiso cos clientes, a coherencia, a confianza e moito máis).
A clasificación é unha das avaliacións do valor das marcas máis antigas do mundo e goza dun amplo recoñecemento pola súa credibilidade, e nos últimos anos foi un reflexo dos cambios na nosa sociedade, reflectindo como as marcas tecnolóxicas ocupan cada vez mellores posicións. De feito, as cinco primeiras marcas (Apple, Microsoft, Amazon, Google e Samsung) serían compañías tecnoloxías, así como tamén a quinta marca (Instagram), mentres que marcas tradicionais como Toyota e Coca-Cola teñen que conformarse cos postos 6º e 7º respectivamente.
Cómpre salientar que o valor de marca non se corresponde co de empresas, e así podemos ver como Google non só ocupa o 4º posto, senón que tamén ten o posto 13 con YouTube, mentres que Meta ten a Instagram no posto 8 e a Facebook no19. No ámbito tecnolóxico tamén podemos salientar que a compañía coa maior cotización bolsista da historia, nVIDIA, polo momento queda nun posto 15, seguida por Oracle (outra das compañías tecnolóxicas máis importantes a nivel mundial) no 16.