As mellores praias galegas para o surf estarán dispoñíbeis nunha app de Turismo de Galicia

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Redacción

Hoxe o salón de turismo FITUR que se está a celebrar en Madrid acolleu a presentación de Galicia Surfing, unha iniciativa para promover o turismo surfeiro da nosa terra a través de diferentes soportes e materiais, incluída unha aplicación para móbiles. A proposta, dada a coñecer pola directora de Turismo, Nava Castro, identifica as 100 praias galegas coas mellores condicións para practicar o devandito deporte. A idea da iniciativa, fixo saber Castro, é impulsar o potencial turístico da nosa costa, que abrangue 1.500 quilómetros de extensión e que presenta o 20% do total do Estado. Segundo engadiu, moitos destes quilómetros son especialmente axeitados para o surf a todos os niveis e na maior parte do ano.
Galicia Surfing, en cuxa presentación participou tamén o deportista galego Gony Zubizarreta, achéganos ás características e á localización de areais tan senlleiros como Pico de Patos, Montalvo, Río Siera, Nemiña, Soesto, Malpica, Razo, Caión, Orzán, Ondalonga, Doniños, Campelo, Pantín, Machacona, Peizás ou Oliñas.
Todas elas aparecen no material de promoción editado, cun mapa que identifica cada recurso e ofrece información de servizo. Ademais, disporase dunha aplicación móbil para facer consultas de xeito actualizado. A través dela poderán atoparse tamén as opcións de viaxe, denominadas Galicia Surf Escape (no caso das escapadas de tres días de duración), Galicia Surftrip (para as estadías de sete días) e Galicia Surfari (nas viaxes de 15 días na nosa Comunidade).

PUBLICIDADE