«As metodoloxías áxiles axudan a resolver conflitos e gañar en eficiencia» – Josefina Alonso, formadora asociada a Vitae

martes, 9 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

As e os profesionais de calquera sector, pero especialmente de ámbitos innovadores e tecnolóxicos, convivimos no noso día día a día cun importante desafío, un reto que se pode resumir coa seguinte pregunta: como actualizar o coñecemento que atesouramos da maneira máis eficaz, fluída e doada posíbel, e como tirar o máximo proveito das TIC para facer máis rendíbel, competitivo e áxil o noso traballo? Achegar respostas e claves a estas preguntas e axudarnos a ser máis eficientes (a nosa capacidade para lograr con éxito un obxectivo concreto co mínimo de recursos e esforzos innecesarios posíbeis e no menor tempo posíbel) é un dos obxectivos de Josefina Alonso Nocelo, formadora asociada a Vitae Consultores, a quen puidemos entrevistar en Código Cero para que nos falase do seu labor ao abeiro da consultora.
Josefina, natural de Ourense pero residente en Vigo, é hoxe un referente en capacitación e adestramento no sector TIC, con experiencia nunha manchea de proxectos estratéxicos de empresas punteiras da nosa terra e, tamén, dalgunhas das compañías máis importantes do mundo. Consultora asociada a Vitae dende 2008, é experto en xestión de proxectos con metodoloxías áxiles, que é a súa especialidade.

-As actividades formativas que vostede imparte en Vitae Consultores, en que consisten e a quen van dirixidas exactamente?
-Imparto formación en metodoloxías áxiles de xestión de proxectos concretamente en Scrum. Tamén imparto formación en filosofía Lean, metodoloxías Kanban e Scrumban aplicada á xestión de proxectos. Estas metodoloxías teñen como principal valor as persoas do equipo e as súas interaccións. Trátase dunha formación dirixida a calquera persoa que traballe en proxectos de todo tipo de ámbitos (tecnolóxico, industrial, sanitario...), xa que todos traballamos con persoas e con iniciativas que achegan tarefas que temos que facer e que precisamos organizar.

-En que se benefician os profesionais que acoden aos obradoiros? Dito doutro xeito: que están en capacidade de facer estes profesionais nas súas respectivas empresas, unha vez rematado o curso, que antes de participar no curso non estaban en disposición de facer?
-Unha vez rematada a formación os asistentes están en disposición de utilizar as boas prácticas explicadas para estruturar e traballar dun xeito máis organizado tanto a nivel de organización de tarefas, como de mellora da comunicación e sincronización do equipo. Poderán pór en práctica ferramentas de xestión visual simples que axudarán o equipo de proxecto a detectar dunha ollada posibles desviacións e as súas causas.

-Vitae Consultores apoia boa parte da súa actividade en achegar contidos, recursos e metodoloxías avanzadas para os nosos profesionais, xeralmente das TIC e da innovación, pero tamén doutros sectores e ámbitos de acción. Estes contidos e recursos inciden nas vantaxes da auto-actualización do coñecemento e das capacitacións de cada quen, de continuo e con regularidade. Cre vostede na importancia de formarnos e actualizarnos regularmente? No ámbito das novas tecnoloxías con máis razón?
-Penso que a formación é fundamental, estamos nun proceso de aprendizaxe continua, compartir esa formación con outras persoas doutras empresas é importante para coñecer outras perspectivas e maneiras de traballar. As sinerxías que se xeran axúdannos a mellorar cada día. Por suposto, debemos estar actualizados en novas tecnoloxías, forma parte da procura da excelencia técnica e organizativa que nos solicitan na industria e os nosos clientes.

-Cal é clave do éxito para un formador ou formadora de contidos avanzados e tecnolóxicos?
-Ter experiencia práctica das técnicas e contidos que se imparten na formación, o que permite unha visión práctica e clara que aporta valor os asistentes a formación. Por suposto, tamén é importante ser un bo comunicador, con ideas claras e sinxelas transmitidas dun xeito ameno e ordenado os asistentes.

-Aplica vostede na empresa na que traballa estas metodoloxías? Son útiles para o seu día a día?
-Traballo nunha organización moi grande, entorno multiproxecto e equipos multidisciplinares onde os requirimentos do cliente están en continuo cambio. Neste escenario o uso de metodoloxías áxiles e fundamental para sincronizar toda a información que se xera nos proxectos no día a día, resolver conflitos e organizar dun xeito eficiente as tarefas de cada proxecto.

Traxectoria profesional
Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática é na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG.
Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE