As microempresas galegas superan por vez primeira a media estatal en contratación de Internet

martes, 20 de outubro do 2020 S. P.

A pandemia non fixo máis que acelerar o proceso da dixitalización, pero este xa se deixaba notar dende hai anos: o tecido produtivo galego emprega cada vez máis as novas tecnoloxías da información. Así nolo confirma este martes a enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2019/2020 publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á axencia AMTEGA. No estudo faise saber que “as microempresas da nosa terra superan por vez primeira, cunha taxa do 78,2%, a media estatal en contratación de Internet”.
En concreto, reflíctese que a contratación de acceso á Rede entre as microempresas galegas sitúase no 78,5%, experimentando un aumento dun 7,9% no último ano, e superando amplamente o ritmo de crecemento estatal (2,4%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores Galicia practicamente converxe coa media estatal, acadando a práctica totalidade deste segmento empresarial (98%).
Na enquisa engádese que entre as tecnoloxías de acceso, o 67,5% das microempresas e o 94,4% das de 10 ou máis traballadores contrataron Internet a través de conexións fixas. As empresas de 10 ou máis asalariados que se conectan á Rede a través deste tipo de conexións ocupan a terceira posición no ranking de Comunidades Autónomas e superan a media estatal en case 2 puntos.
No que respecta á velocidade de conexión a Internet contratada, no informe explícase que o 63,6% das empresas galegas de 10 ou máis asalariados conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps fronte ao 39,8% do ano anterior. “Isto representa un crecemento do 60% nas conexións a Internet superiores aos 100 Mbps entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados”, faise saber no estudo, especificando que no capítulo de tipos de usos, salientan os trámites coas administracións públicas: o 97,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 73,8% das microempresas interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet.
Outro dos datos refírese ás empresas galegas de 10 ou máis empregados, que ocupan o segundo lugar na interacción coas administracións a través de Internet e superan a media estatal en case 4 puntos. Tamén se sitúan por riba da media na obtención de información das administracións a través das webs, a descarga de formularios e na devolución de formularios impresos.
O INE tamén fai saber que o 9,2% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou información a gran escala (Big Data), dato superior á media estatal (8,5%), que sitúa a Galicia no 5º lugar entre todas as comunidades.
Polo que respecta ás empresas de 10 ou máis empregados con páxina web, estas medraron un 3,8% ata chegar ao 80,9% e así superan por primeira vez á media estatal (78,1%), que “se mantén estábel, máis de 2 puntos por baixo das galegas”, reflicte AMTEGA, engadindo que o 29,3% das microempresas galegas ten páxina web, situándose tamén por riba da media estatal (28,8%).

PUBLICIDADE