As mulleres de Monforte reciben formación en comercio e banca electrónica

martes, 8 de outubro do 2019 Redacción

Segue adiante a iniciativa conxunta da Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) para derrubar con formación e adestramento os muros que separan a poboación feminina do rural das oportunidades de capacitación tecnolóxico-dixital coas que contan as e os residentes nas cidades. Estamos a falar da Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica, que se desenvolve durante os meses de setembro, outubro e novembro. Os obradoiros chegaron onte a Monforte. A sesión terá unha duración de oito horas, repartidas en catro sesións.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, achegáronse este luns 7 de outubro até a aula CeMIT do concello para visitar ás participantes. En total, a iniciativa chegará durante os meses de setembro, outubro e novembro a oito municipios. Programáronse sesións, ademais de en Monforte de Lemos, na Estrada, Ordes, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.
A escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego co “fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día”, explican a UCGAL e máis a Secretaría Xeral de Igualdade, engadindo (nun plano máis concreto) que durante o obradoiro, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para exercer estes dereitos.

PUBLICIDADE