As mulleres do mar presentan espazo web

martes, 9 de xaneiro do 2018 Redacción

A asociación nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), entidade de presenza maioritariamente galega, presentou hoxe a súa páxina web, dispoñíbel en anmupesca.org. Na cita fíxose saber que se trata dunha ferramenta de primeira orde para facer visíbel o importante labor das traballadoras do mar, procurando a defensa da profesión e, en última instancia, de todo o colectivo de mulleres galego e estatal. Na rolda de prensa participaron a presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, e máis a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que coincidiron en salientar os avances dados pola asociación dende a súa posta en marcha en 2016, xuntando case dúas ducias de entidades de toda España e, individualmente, máis de 15.000 asociadas.
Segundo fixo saber Quintana, este novo “espazo de encontro dixital” servirá como “ferramenta para aglutinar todo o saber facer das mulleres que forman parte desta asociación, o que contribuirá ao seu empoderamento”.
No acto tamén lembraron que a entidade dá acubillo a colectivos de armadoras, redeiras e mariscadoras, entre outros perfís femininos de profesionais do sector marítimo.
Rita Míguez, pola súa banda, fixo un percorrido polos detalles da páxina web da asociación, habilitada para fornecer “un instrumento áxil, útil e dinámico” e co obxectivo de fortalecer as comunicacións internas entre as integrantes da entidade e, tamén, da entidade cara o resto da cidadanía. De maneira parella, tentarase facer fincapé no importante compoñente feminino da profesión pesqueira.
Máis datos sobre a asociación
A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca naceu co obxectivo de dar visibilidade ao labor diario das mulleres do mar e incrementar a conciencia social sobre a importancia da súa contribución ao sector. Ademais busca impulsar o seu liderado e participar de xeito activo nos órganos representativos decisorios e consultivos do tecido produtivo ligado ao mar.
A creación desta asociación concíbese tendo en conta que o programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) contempla o apoio ao asociacionismo feminino e a creación dunha organización de mulleres profesionais do mar de carácter nacional que favoreza a súa representatividade.

PUBLICIDADE