As mulleres españolas, por enriba da media da UE en competencias dixitais

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), presenta unha nova edición do seu informe sobre a fenda de xénero en relación coa tecnoloxía e o seu uso, Fenda dixital de xénero Edición 2024-Datos 2023.
Indo ao informe, este amosa os indicadores máis relevantes sobre a posición das mulleres no proceso de transformación dixital, como uso de internet, nivel de competencias ou número de especialistas dixitais, a partir de diversas fontes estatísticas nacionais e europeas. Os datos amosan que España está por enriba da media da Unión Europea en ámbitos como o acceso regular a internet ou o nivel de competencias dixitais, reducindo un ano máis a fenda dixital de xénero, aínda que aínda queda camiño por percorrer, por exemplo, no sector laboral, onde a maioría dos especialistas dixitais son homes, tanto en España como no conxunto da UE.
Do estudo tamén se tiraron outras conclusións como que mulleres e homes xa empregan internet practicamente coa mesma frecuencia, aínda que non o fan para as mesmas actividades. En 2023, o 94,6% das españolas de 16 a 74 anos usa internet regularmente (polo menos unha vez por semana), fronte ao 94,3% dos homes. Comparando a nivel europeo, cun 90% as mulleres españolas utilizan máis internet regularmente que a media, cunha diferenza de 4,6 puntos, ocupando o sexto lugar e logrando a igualdade de xénero neste eido, preto de alcanzar o uso universal.
En canto ao seu uso segundo idades, vese unha maior diferenza nas persoas de maior idade. As nenas usan máis internet que os nenos, co 95,4% e o 94% respectivamente. Pero a tendencia experimenta unha viraxe a partir dos 75 en diante, cando a porcentaxe de mulleres acada o 37,1% fronte ao 40,2% dos homes.
As maiores diferenzas atópanse no seu uso. No caso das mulleres, teñen maior peso a procura de información sobre saúde, a comunicación con profesorado ou alumnado e o uso de redes sociais. No caso dos homes as maiores actividades son a lectura de novas e xornais, a expresión de opinións cívicas e políticas e o uso da banca en liña.
O informe recolle que, por primeira vez, cun 80,2% en 2023 as mulleres interactuaron en liña coa Administración máis que os homes (79,1%). De falarmos de comercio electrónico, as mulleres españolas mercan bens físicos en liña máis que os homes (55,2% fronte ao 54%), pola contra, a compra de servizos en liña é superior nos homes (30% fronte a 23,4%). As mulleres son maioría entre quen realizan menor gasto, e os homes nas franxas de maior gasto.
En canto ás competencias dixitais, a adquisición das mesmas é clave para participar plenamente na
economía e a sociedade. Neste senso, o 65,9% das mulleres españolas teñen un nivel de competencias dixitais básico ou avanzado, 0,6 puntos porcentuais menos que os homes, pero máis de 11 puntos por encima da media da UE, situada no 54,3%.
No eido da educación, as mulleres son maioría no conxunto de egresadas/os universitarias/os, pero nas persoas que finalizan titulacións TIC sitúanse nun 12,8%. Dentro dos grupos de titulacións STEM, as mulleres só son maioría en ciencias da vida, cun 62,3%. A menor representación vese en enxeñarías e en informática, onde hai unha baixa porcentaxe de mulleres. En concreto, un 14,3% das persoas egresadas en Informática e o 28,3% en enxeñarías no curso 2021-2022 eran mulleres.
No ámbito laboral, o informe sinala certas diferenzas, o 18% de especialistas dixitais en España eran mulleres en 2022, o que supón un descenso de 1,4 puntos porcentuais con respecto ao ano anterior, situándonos 9 décimas por baixo da media europea. En 2023, do 16,4% de empresas que contaba no seu persoal con especialistas TIC, o 38,7% empregaba a mulleres con este perfil profesional. Asemade, os ingresos medios por hora das mulleres nesta área están un 8,9% por baixo do dos homes en España, fronte ao 12,7% no conxunto da UE.
Unha navegación segura e a protección da información persoal son dous aspectos fundamentais nunha sociedade cunha crecente actividade en liña. O informe indica que en 2023 as mulleres confían menos en internet (40,7% afirma confiar pouco ou nada en internet, fronte ao 37,7% dos homes). Por outra banda, o 25,7% das mulleres en 2022 sentían bastante ou totalmente preparadas para afrontar problemas de seguridade, fronte ao 38,7% no caso dos homes. Con respecto á cibercriminalidade, viviu un aumento nos últimos anos, pasando de representar o 7,5% das infraccións penais en 2018 a ser o 16,1% en 2022.
En resumo, a fenda dixital de xénero segue presente e o Goberno quere contribuír a superala con diversos programas postos en marcha, como son: Xeración Dixital Axentes do Cambio, que permite subvencionar parcialmente a contratación de profesionais da transformación dixital; NEOTEC Mulleres Emprendedoras, programa do CDTI que achega axuda financeira a proxectos innovadores baseados no desenvolvemento tecnolóxico liderados por mulleres; Emprendedoras Dixitais, unha liña de financiamento especial de ENISA destinada a impulsar modelos de negocio innovadores promovidos por mulleres; e TheBreak, un programa que busca atraer a España proxectos emprendedores xestionados por mulleres da Unión Europea.
No marco de Desafía, iniciativa de Red.es e ICEX para facilitar a empresas emerxentes a súa entrada nos ecosistemas máis innovadores do mundo, o pasado outubro lanzouse unha nova edición do programa Desafía San Francisco, enfocado por primeira vez a startups lideradas por mulleres.
No ámbito europeo tamén se traballa para reducir a brecha de xénero, sendo un dos obxectivos do programa estratéxico da Década Dixital para 2030.
Para información polo miúdo deste estudo, cómpre visitar a web da ONTSI.

PUBLICIDADE