As mulleres innovadoras, protagonistas dos quintos Premios Emprende Gaiás

mércores, 15 de novembro do 2017 Redacción

Finalmente as mulleres foron as grandes protagonistas da quinta edición dos Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco, entregados onte polo consellería de Cultura e Educación, Román Rodríguez, nun acto que tamén contou coa presenza da xornalista Belén Xestal (presentadora da gala), o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o presidente de Afundación (patrocinadora do certame), Miguel Ángel Escotet Álvarez; e o xerente de IGAPE Nova (colaboradora), Guillermo Viña. O premio Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet foi dar a WCube, unha plataforma en liña especializada en mediar en operacións de compra-venda de arte entre particulares e artistas (noveis e expertos).
WCube vén da man de Gabriela Lusquiños Santos e diríxese a dar visibilidade aos artistas locais. Segundo se lembrou na gala, “non se trata só dunha galería senón que artista e visitantes interactúan nunha comunidade buscando desta forma un enriquecemento común”.
Pola súa banda, o galardón Deseño, creación artística e plástica foi dar a Kandoro, un recurso didáctico para docentes e familias que lles facilita contidos curriculares de educación infantil, a través dunha innovadora proposta: unha cidade de cartón onde todos os elementos están dispostos para mover o maxín das crianzas e favorecer o xogo en familia. A súa creadora é Inés Rodríguez Sacristán.
Na categoría de Xestión cultural o premio recaeu en Soundslikemarket, de Tamara Rodríguez Silva. Consiste nunha plataforma de xestión cultural que permite a posta en contacto por parte dos profesionais dos distintos ámbitos do sector musical para a produción e difusión de eventos musicais. O proxecto, en palabras do xurado, “pretende resolver o problema das barreiras de entrada na industria da música co obxecto de facilitar a creación de proxectos culturais ao poñer ao servizo de usuarios e clientes: perfís profesionais que cubran todas as áreas implicadas na xestión destes proxectos”.
A quinta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco recibiu preto de 30 proxectos relacionados co deseño, Internet e xestión cultural. A hora de avaliar as iniciativas, o xurado tivo en conta “o carácter innovador e a creatividade da idea presentada; as posibilidades de se converter nun proxecto viábel; a adecuación da iniciativa á modalidade presenta; a integración de perfís profesionais dos participantes; e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia”.
Os proxectos gañadores recibiron un premio en metálico de 2.000 euros e incorporaranse de balde durante doce meses ao espazo de co-working do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, onde recibirán apoio ao longo deste ano a través dun programa de asesoramento personalizado.

PUBLICIDADE