As mulleres supoñen máis dun terzo do persoal do ITG

martes, 11 de febreiro do 2025 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) quixo celebrar o 11F (Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia) facendo balance do seu compromiso polo talento investigador feminino (abeirado ao Plan de Igualdade do ITG). Nel faise saber que máis dun dun terzo do persoal de ITG son mulleres. Isto supón que, dos 140 empregados que o centro tecnolóxico tiña ao 31 de decembro de 2024, 55 son mulleres, cunha idade media de 35 anos.
Os perfís son moi variados, sendo maioritariamente enxeñeiras informáticas, industriais, aeroespaciais, aeronáuticas, de telecomunicación, de obra civil, de datos e de enerxía; pero tamén arquitectas e aparelladoras, filólogas, economistas, tradutoras, psicólogas, xuristas, químicas, biólogas, comunicadoras audiovisuais, politólogas e administrativas.
Ademais, explica o ITG, “moitas das mulleres que achegan os seus coñecementos ao centro tecnolóxico ocupan postos de responsabilidade, liderando proxectos en ámbitos como a Intelixencia Artificial, os sistemas aéreos non tripulados ou a sustentabilidade na edificación”.
O ITG conta cun Plan de Igualdade para eliminar e corrixir calquera tipo de desigualdade ou discriminación neste sentido. “Os nosos valores corporativos formúlanse en feminino: a honestidade, a confianza e a actitude emprendedora. É o mellor exemplo do noso compromiso coa igualdade de xénero, o quinto dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, que son a nosa folla de ruta e que apoiamos formalmente a través do Pacto Mundial da ONU España”, sinalou Carlos Calvo, director xeral de ITG, que engadiu que ao longo do mes de marzo, o centro tecnolóxico galego organizou un curso interno para impulsar a perspectiva de xénero na I+D+i. Trátase dunha formación no marco do proxecto ARQA dirixida tanto a empregados do centro como das outras entidades participantes, en Asturias e Cataluña.