As múltiples aplicacións das TIC na investigación histórica, polo miúdo estes días no Campus de Ourense
venres, 5 de abril do 2013
Finalmente estase
a desenvolver, este xoves e venres, a segunda edición das
Xornadas
do Ciclo A Historia do Medio. Os encontros, que se celebran na
Facultade de Historia de Ourense baixo o epígrafe A historia a
través das novas tecnoloxías,
achéganse como unha oportunidade inmellorable para coñecermos, de
primeira man, o que podemos sacar de proveito das canles e servizos
dixitais nas múltiples pólas do estudo do noso pasado. Por exemplo,
a través de aplicacións para teléfonos móbiles sobre patrimonio,
reconstrucións tridimensionais de pezas ou xacementos, bases de
datos, análises de restos con espectrometría de masas e xeoradares,
accións de divulgación nas redes sociais, creación de contidos
audiovisuais, etc.
Este
ciclo -organizado por Beatriz Comendador (decana da Facultade de
Historia) xunto coa Delegación de Alumnos e da asociación de
titulados e estudantes do centro Alehou- persegue polo tanto orientar
e fomentar a adaptación dos perfís dos titulados ás demandas dos
empregadores públicos e privados e complementar a formación dos
estudantes fóra das aulas, con contidos de novo desenvolvemento e
que aínda non están incorporados aos programas de ensino.
Segundo
informa a Universidade de Vigo, da
que depende o Campus de Ourense, as xornadas comezaron coa
participación de Enrique Cerrillo, investigador do CSIC,
e David Hernández, de Arbotante Patrimonio e Innovación, que
falaron dunha ferramenta de clara proxección no eido da arqueoloxía.
Trátase da fotogrametría, unha técnica que permite coñecer as
propiedades xeométricas dos obxectos e dos espazos a partir de
imaxes fotográficas. “Fronte ao custe do uso do láser escáner
en 3D, esta técnica é moito máis barata porque se emprega unha
cámara de fotos e software libre para facer o modelado
tridimensional”, destacou David Hernández. Como exemplo da
aplicación disto, Enrique Cerrillo amosou a réplica dixital
realizada polo CSIC dunha paisaxe desaparecida: os dolmens de
Alconétar, en Cáceres. Así, botando man de fotos aéreas e
sistemas de información xeográfica, os investigadores fixeron unha
reconstrución topográfica desta área, agora asolagada por un
embalse. Segundo sinalou Cerrillo, “o interesante deste
proxecto é que combina o uso de métodos tradicionais, como fontes
escritas, cartografía histórica e imaxes antigas, con técnicas
actuais, como a fotogrametría aérea, os sistemas de información
xeográfica e os GPS, entre outros”.
A
maiores da participación de Cerrillo e Hernández, está prevista ao
longo das dúas xornadas deste ciclo a concorrencia en Ourense dun
“amplo e multidisciplinar abano de profesionais
procedentes tanto do eido público coma privado e de diferentes
sectores”. Así, entre os participantes estarán a
docente Anna Amorós, a xornalista Comba Campoy, a arqueóloga Alicia
Colmenero, o enxeñeiro en telecomunicacións Martín López Nores, o
creativo Xosé Teiga, o técnico do Cesga Emilio Abad e a directora
da Otri da Universidade de Vigo, Ángeles López.
