As nosas bibliotecas manteñen vivos na Rede os relatos orais con A Hora do Conto

mércores, 1 de abril do 2020 S. P.

Bea Campos, unha das contadoras que participa na iniciativa

Quen andara estes días polas redes sociais das nosas bibliotecas municipais puido comprobar que seguen activas levando a cabo online o seu importante labor de achegarnos ao coñecemento e ao lecer nas súas moitas e diversas manifestacións, un labor que co confinamento ao que nos obriga o Estado de Alarma, preséntase como crucial e imprescindíbel. Alén das iniciativas que están a pór en marcha as bibliotecas a título individual, tamén hai actividades conxuntas e participativas que fan máis levadía a reclusión das familias nos seus fogares e que poñen o foco nas nenas e nenos. Por exemplo a iniciativa A Hora do Conto, no que colabora unha manchea de bibliotecas municipais e máis a editorial Kalandraka a través da páxina web Kalandraka.tv. Trátase, segundo indicaron, que un dos colectivos máis prexudicados polo confinamento forzoso, a rapazada, siga a desfrutar estes días das sesións de contacontos.

A orixe

A xénese desta iniciativa está na comunicación establecida entre as bibliotecarias e o bibliotecarios da nosa terra a través das redes sociais dende hai uns cantos anos, unha comunicación que estes días, por razóns obvias de limitación da actividade presencial, foi definitivamente a máis, tanto a través de Whatsapp (cunha canle común na que teñen presenza máis dun centenar de bibliotecas) como tamén (e sobre todo) por medio do Facebook. De aí a poñer en marcha unha proposta colectiva online que mitigase o confinamento e fixera realidade a posibilidade de achegar os relatos orais aos máis pequenos da casa, só houbo un paso.
Cada día, ás 17.00 horas, unha biblioteca da nosa terra, por orde alfabético, elixe un videoconto, para poñer nas redes sociais das distintas bibliotecas municipais e cos cancelos #quedanacasaele #quedateencasaylee e #bibliotecasmunicipais.
Os días pasados boa parte da nosa rapazada foi tan puntual a esta cita como os habitantes de certa illa a tomar o té da tarde exactamente á mesma hora. O día 24 puidemos ver A mosca chosca (un conto popular ruso da editorial Kalandraka), ao día seguinte (á mesma hora) Juan Sin Miedo na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, o día 26 foi a quenda de A cebra Camila, tamén de Kalandraka, o 27 pediu paso Cocorico (editorial OQO), o 28 de marzo foi a quenda de A Bruxa Regañadentes (tamén de OQO) e onte mesmo as bibliotecas elixiron a historia de María Pita.

PUBLICIDADE