As nosas empresas tecnolóxicas buscarán talento esta semana no Campus de Vigo

martes, 6 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, do 7 ao 9 de marzo, celebrarase unha cita que, por nivel de participación e polos precedentes acadados en anteriores edicións, é sen dúbida un dos eventos máis importantes para que as/os nosas/os estudantes acaden o emprego que buscan ao remataren os seus estudos. Estamos a falar do Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo, que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Industrial e na de Minas e Enerxía. Trátase dunha desas citas ás que non podemos deixar de acudir tanto se buscamos emprego no sector da innovación galego, estatal e internacional, tanto se somos unha empresa á procura de talento, azos e novas ideas. Na cita participará un amplo elenco de firmas TIC da nosa terra, como por exemplo SIVSA, Televés, Dinahosting, R ou Imatia. Todas elas (e máis) aproveitarán a ocasión para informar dos seus proxectos e, moi probabelmente, formalizar fichaxes.
Ademais, organizarán obradoiros sobre as tecnoloxías que veñen e virán. Por exemplo Imatia desenvolverá un obradoiro titulado Deep Learning e o Goberno Intelixente: o que a Administración sabe de nós, no que Iván Franco e Rubén Suárez falarán sobre a análise de información para a toma de decisións intelixentes, aplicada á xestión das cidades.
Amais de Imatia, participarán no foro as seguintes empresas e entidades: ABANCA, a Asociación Clúster de Xeotermia Galega, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Alten, Altia, a Univesidade de Vigo (Área de Emprego e Emprendemento), ARIGAL, Assystem, a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, BorgWarner, Brainport Eindhoven, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Colexio Oficial de Minas do Noroeste de España, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia, Cortizo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Deloitte, Dinahosting, DQbito, EDF, ENCE, EF (Escola de Finanzas), European Business Factory, Everis, FEUGA, FINSA, Talentoteca, Galicia Business School, Gradiant, o Colexio Oficial de Xeólogos, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Imagina Ingenio, LifeTEC, Indra, MGI Coutier, Norvento, Optare, Grupo Nova Pescanova, R, Repsol, SIVSA, Televés, Viewnext e ZF.

O equipo de organizadores do Foro Tecnolóxico de Emprego

O foro virá este ano con estreas. Entre as principais novidades os organizadores destacan a celebración dunha “táboa redonda”, un coloquio onde emprendedores novos contarán como crearon as súas empresas, de maneira que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras “poidan achegarse ás experiencias de antigos estudantes que, coma eles, tiveron que abrirse paso na busca de emprego no ámbito tecnolóxico”.
O equipo responsábel da iniciativa (o alumnado de Enxeñaría) tamén sinalou que agarda supera o centenar de persoas: máis de 80 voluntarios e 20 coordinadores encárganse de todo o que atinxe á xestión da páxina web, á planificación das conferencias ou ao contacto coas empresas, entre moitos outros labores.
Ademais de conferencias, demostracións e encontros de traballo, o foro volverá contar coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos representantes das 25 compañías que confirmaron xa a súa participación, entre as que se contan a devanditas.
Sobre a “táboa redonda” de emprendemento, os organizadores recoñecen que, a día de hoxe, “todos os estudantes estamos centrados en rematar e entregar o currículo a empresas xa formadas, sen facer nada máis, polo que cremos que é moi importante dar tamén este outro enfoque no foro”.

PUBLICIDADE