As nosas industrias innovadoras do motor locen tecnoloxías no salón CES

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Redacción

O salón Consumer Electronics Show (CES 2019) de Las Vegas, que se celebra esta semana (até o día 11) confirmando o seu carácter referencial como a meirande feira electrónica do mundo, está a ter notábel presenza galega. Se os días pasados dimos conta da participación do Centro Tecnolóxico Gradiant dando conta das vantaxes da súa tecnoloxía Valida, hoxe soubemos que a nosa industria da innovación aplicada ao motor está na dita feira mostrando os seus principais achados recentes.
Trátase de media ducia de empresas abeiradas á palestra empresarial Business Factory Auto (BFA): Help Flash, VMS, Xesol, Muutech, Little Electric Cars e Improsec. Estas firmas galegas acoden a Las Vegas acompañadas da Consellería de Economía. O director do IGAPE, Juan Cividanes, engrosa as fileiras da embaixada galega.
Coa súa presenza na feira estadounidense, a BFA pretende apoiar os proxectos participantes na súa proxección internacional e incrementar a súa competitividade baseada na modernización tecnolóxica. A aceleradora galega, que a Xunta impulsa xunto a PSA, CEAGA e o Consorcio Zona Franca, está a celebrar xa a súa terceira edición, na que participan 20 iniciativas e que se presenta como a máis internacional posto que participa un proxecto de Dubai e outro de Alemaña. Nas dúas convocatorias anteriores, facilitou a creación de 22 novas empresas, que levan xerado 150 postos de traballo e que facturan máis de 10 millóns de euros, e das que o 30% xa exportan a outros países.

PUBLICIDADE