As novas Meta Smart Glasses permitirán transmitir de vídeo en directo

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

As lentes conectadas de Meta foron todo un fracaso comercial, pero na súa renovación confían en que poidan converterse nun éxito por mellorar o seu deseño (agora son máis lixeiras e cómodas) e incrementar considerablemente as súas posibilidades.
Esta lentes con montura Ray-Ban poden xa reservarse nos EE.UU. a un prezo de 299 dólares, estando dispoñibles a partir do 17 de outubro (aínda que poderían tardar varios meses en chegar a España, como aconteceu co modelo anterior), e pretende callar mellor entre a sociedade xa que desta volta son un produto moito máis interactivo. As lentes integran 5 micrófonos (permitindo así captar ben o son e evitar o ruído dentro do posible) e altofalantes nas patillas (que buscan que só o usuario perciba o que están a reproducir), e integran unha cámara de 12 Mpíxeles capaz de gravar até 60 segundos de vídeo Full HD.
Poden manexarse mediante ordes de voz (simplemente con dicirlle que mande unha fotografía disparará unha instantánea e enviaralla a quen digamos) e, como elemento revolucionario, estrea a posibilidade de realizar directos de vídeo a través de Facebook ou Instagram, de xeito que cando toquemos nun lateral poderemos escoitar os comentarios que se están a facer narrados mediante voz, facilitando así a interacción coa audiencia.
Deste xeito as novas lentes conectadas de Meta son tanto unha solución de mans libres para o móbil como unha nova cámara orientada a usos sociais, que grazas ao elegante deseño de Ray-Ban non deberían atopar atrancos para integrarse en uso diarios, agás que xurda un rexeitamento social como aconteceu no seu día cos Google Glass.