As novas PS5 terán carcasas en distintas cores

mércores, 10 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A revisión das PlayStation 5 nun formato máis compacto pode adquirirse con certa normalidade en tendas, aínda que só en dous modelos (con ou sen lector de disco), carecendo de opcións de cor de serie, algo que parece que vai mudar en breve se atendemos ás imaxes publicadas por The Verge dende o CES de Las Vegas, onde podemos ver novas cores de consola moi rechamantes.
Ao parecer, en breve poderemos ver á venda carcasas para a nova PlayStation 5 en azul, vermello e prata, cun acabo en brillo (de xeito que semella metálico). Tamén está previsto que saian á venda carcasas en cor negra. Tendo en conta que tamén hai mandos para PS5 nestas cores, non sería ningunha sorpresa que comercializasen edicións limitadas das consolas nestas cores, aínda que non deixa de ser curioso que Sony se empeñe en vender a PS5 nunha combinación de cores que non parece agradar a moitos usuarios por ser demasiado rechamante, especialmente porque as PS2, PS3 e PS4 tiveron deseños moi sobrios.

PUBLICIDADE