As novas capturadoras de Elgato soportan HDMI 2.1

xoves, 1 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Elgato é todo un referente en tarxetas capturadoras de vídeo, especialmente entre os amantes dos videoxogos, e para poder estar á altura das consolas de videoxogos de nova xeración veñen de presentar un par de capturadoras 4K en distintos formatos (USB e PCIe) para adaptarse a distintos perfís de usuarios e ofrecer en ambos casos unha calidade impresionante de gravación de vídeo xa que soportan o estándar HDMI 2.1.

A nova Elgato 4K X é unha capturadora de vídeo USB capaz de gravar até 4K a 144 imaxes por segundo, cun traspaso de sinar VRR cunha latencia ultrabaixa para obter unhas frecuencias de fotogramas extremadamente fluídas sen limitacións. Tamén é capaz de gravar vídeo en Full HD a 240 imaxes por segundo, soporta HDR10 e goza dunha grande compatibilidade, xa que pode empregarse en PC, Mac e incluso iPad. Para o seu funcionamento precisamente unicamente conectarlle a fonte de vídeo á súa entrada HDMI, o porto USB-C ao dispositivo dende o que se queira realizar a captura e o HDMI de saída á pantalla na que queira visualizarse o vídeo. O seu prezo de venda é de 249,99 euros.

Tráiler da capturadora Elgato 4K X

A capturadora Elgato 4K Pro, pola súa banda precisa dunha rañura PCIe para funcionar (polo que está destinada principalmente a ordenadores de sobremesa), pode recibir vídeo até a 8K a 60 imaxes por segundo, aínda que internamente traballa como máximo a 4K60 (ou Full HD a 240 imaxes por segundo), o que é ideal para a realización de retransmisións en directo de grande calidade. Tamén soporta HDR10 e VRR, e pode enviar a captura a varias aplicacións ao mesmo tempo (de xeito que podemos realizar unha gravación de calidade á vez que retransmitimos o sinal en directo). Unha capturadora de grande calidade que está xa á venda por 299,99 euros.

Tráiler da capturadora Elgato 4K Pro