As novas contribucións dixitais galegas á normalización da lingua chegan a Bruxelas

venres, 8 de novembro do 2019 Redacción

A sede da Fundación Galicia Europa (Bruxelas) acolle esta semana (até hoxe) o seminario educativo Tecnoloxías Dixitais, Modelos Lingüísticos e Integración Inmigrante, no que se presentaron (entre outras contribucións) os detalles dunha relevante iniciativa galega para afianzar a presenza da nosa lingua no día a día das novas xeracións: o programa escolar de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, deseñado como un proxecto educativo do IES da Pobra do Caramiñal e recoñecido xa polas potencialidades que abre en materia de normalización lingüística. Na cita en Bruxelas, que forma parte do programa da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD, nas súas siglas en inglés), participou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.
O secretario xeral centrou o seu relatorio sobre promoción do galego no ensino na dita experiencia orixinada no IES da Pobra, exportada, coa colaboración da profesora Pilar Ponte e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, a catro centros de Secundaria, Bacharelato e FP durante o pasado curso escolar, e a outros dez no presente curso. Valentín García salientou que a iniciativa contou coa participación de máis de 1.300 adolescentes e tivo unha gran repercusión na Rede, nomeadamente no blog do propio programa e nas redes sociais Facebook, Twitter ou YouTube.
Segundo engadiu, “21 Días co Galego e + é un proxecto que funciona en positivo, promovendo o apoio da contorna e a comunicación entre adolescentes de distintos puntos de Galicia, incidindo nas posibilidades e nas vantaxes de falar o galego, propoñendo pequenos retos estimulantes que axudan a alcanzar a meta final e visualizando nas redes sociais o traballo que os rapaces e rapazas estiveron facendo xeira a xeira”. O responsábel de Política Lingüística da Xunta agradeceulle á NPLD o seu interese na difusión das boas prácticas en materia de normalización lingüística levadas a cabo desde Galicia.

PUBLICIDADE