As novas convocatorias de InnovaPeme e DeseñaPeme mobilizarán 9 millóns de euros

venres, 23 de xuño do 2023 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) convocará proximamente as axudas dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme dirixidos a impulsar a innovación e o deseño nas pequenas e medianas empresas galegas. Estes dous programas aspiran na súa nova edición a financiar 60 plans de deseño e innovación e o deseño nas pemes, cunha mobilización de 9M€.
O obxectivo, en palabras de GAIN, é “dar resposta ás necesidades das pemes, en especial as menos innovadoras de sectores tradicionais, paliando a súa falla de recursos e coñecemento en materia de innovación”. Así, a través de DeseñaPeme apóiase a innovación en produto, servizo e experiencias, ademais de marca e identidade; mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización.
As entidades potencialmente beneficiarias son microempresas, pequenas e medianas empresas e entidades do terceiro sector.
As firmas solicitantes poderán solicitar apoio a través dunha ou ambas liñas, que financian dous tipos de plans:
-Liña 1: Plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade.
-Liña 2: Plans de innovación en procesos e organización.
O orzamento subvencionábel oscilará entre os 50.000 e os 150.000€ por plan. A duración máxima para o desenvolvemento dos plans será até o 30 de setembro de 2024. Na liña 2, os plans deben ter unha duración mínima de 12 meses.
A intensidade da axuda será a seguinte: do 50% (25.000-75.000€/plan) ata un máximo de 150.000€ por empresa beneficiaria.
As actividades incluídas na Liña 1 son deseño de produto, deseño de servizos e experiencias e deseño de marca e identidade corporativa.
Na Liña 2 inclúense actividades de innovación, innovación en procesos e innovación en organización.
O 13 de xullo celebrarase un taller de presentación da convocatoria, dende Ribadeo e retransmitido online. As inscricións (e consultar o programa) xa poden facerse na web de GAIN.

PUBLICIDADE