As novas correntes en tecnoloxías da lingua e a comunicación, ao detalle en Lenguando Vigo

martes, 3 de febreiro do 2015 Redacción

Vigo vai ser a vindeira sede da xuntanza Lenguando, un encontro para entusiastas da comunicación no que se dan cita centos de profesionais da linguaxe. A de Vigo será a sexta convocatoria do evento, logo das edicións de Madrid, Valencia, Londres e Logroño, e celebrarase os vindeiros 7 e 8 de febreiro. O encontro, coma nas anteriores achegas, abordará os diversos aspectos da comunicación e a lingua “cun espírito híbrido”, ou sexa, “dacabalo entre as industrias tradicionais da lingua e o enfoque innovador”. Haberá relatorios e obradoiros, profesionais da comunicación, a edición, a tradución, a publicidade, a creación e a docencia. Por temas, as novas tecnoloxías e as novas técnicas da comunicación serán en boa medida os alicerces. Tamén se falará de escritura narrativa, ferramentas tecnolóxicas de corrección, modalidades de interpretación, ensino de lingua, etc.
Nas vésperas do evento, o día 6, celebrarase unha xornada intensiva de formación en creación publicitaria e un maratón de práctica interpretativa que servirán de preludio ao congreso dos días 7 e 8. Entre os relatores atópanse o comunicador Javier Cebreiros, o tradutor Xosé Castro, o escritor Santiago García-Clairac e o presidente de Wikimedia España Jorge Sierra. Tras a organización de Lenguando atópase Molino de Ideas, empresa de tecnoloxía lingüística, e a tradutora afincada en Vigo Leticia Robles Soneira de Oui Translations.

PUBLICIDADE