As novas sedes da Deputación da Coruña en Ferrol e Santiago contarán con cadanseu centro de coworking
martes, 7 de xullo do 2026
A Deputación da Coruña vén de compartir os detalles dos seus proxector para contar con presenza de seu en Ferrol e máis en Santiago. En ámbolos casos achegaranse servizos a persoas emprendedoras para dar forma alí aos seus proxectos.
En Ferrol
No caso de Ferrol, vense de adxudicar o contrato para a adquisición do edificio que acollerá a súa nova sede institucional en Ferrol. O contrato foi adxudicado á empresa Nuvoo 21 S.L. por un importe de 930.000 euros. O inmóbel elixido é o antigo edificio de Banesto, situado no número 12 da rúa Rubalcava, na esquina coa rúa Magdalena, nun emprazamento céntrico do barrio da Magdalena.
O edificio conta cunha superficie total de 1.147 metros cadrados construídos e 964 metros cadrados útiles, distribuídos en planta semisoto, andar baixo, dous andares altos e baixo cuberta. Trátase dun edificio histórico, construído no ano 1950, que tradicionalmente acolleu oficinas dunha entidade bancaria en boa parte dos seus andares.
Coa adquisición deste edificio, a Deputación quere dar “un novo paso” para reforzar a súa presenza institucional en Ferrol e “achegar os servizos provinciais á cidadanía da cidade e da comarca”. A nova sede permitirá dispoñer dun espazo propio, moderno e funcional, no que se integrarán servizos administrativos e tributarios, así como novos usos vinculados á actividade económica, cultural e social.
A partir de agora, a Deputación iniciará os trámites necesarios para executar as obras de reforma interior do predio, co obxectivo de adaptalo ás necesidades da institución provincial e aos usos previstos. O proxecto permitirá acondicionar o edificio como sede institucional e contará ademais cunha oficina tributaria, espazo de coworking que se integrará na rede provincial, salas de reunións, auditorio e aula de formación, ademais de espazos para actividades públicas e usos institucionais.
A futura sede contará cunha área de recadación de arredor de 200 metros cadrados, con zona de espera, espazo de atención ao público e traballo, despacho independente para a xefatura de zona, almacén e arquivo, aseos con accesibilidade e dependencias auxiliares.
Como dixemos, tamén albergará un espazo de traballo colaborativo duns 100 metros cadrados, unha sala de reunións e un auditorio ou aula de formación con capacidade para arredor de 75 persoas.
En Santiago
En Santiago, a Deputación da Coruña adxudicou o contrato para a adquisición do inmóbel que acollerá a súa nova sede. Foi adxudicado á Cámara de Comercio de Santiago de Compostela por un importe de 850.000 euros. A nova sede estará situada no número 44 baixo da rúa San Pedro Mezonzo, no Ensanche compostelán, “nunha zona céntrica, con elevada actividade comercial e administrativa e moi próxima á estación intermodal Santiago de Compostela-Daniel Castelao, situada a uns 200 metros”, segundo destacou a Deputación, salientando tamén a existencia de paradas de transporte urbano no contorno inmediato, a máis próxima a 90 metros, así como a boa dispoñibilidade de aparcadoiros públicos nas proximidades.
O local conta cunha superficie rexistral de 835 metros cadrados e unha superficie catastral de 874 metros cadrados.
A partir de agora, a Deputación iniciará os trámites necesarios para executar as obras de acondicionamento e reforma interior d local, co obxectivo de adaptalo ás necesidades e aos usos previstos. A futura sede acollerá a oficina de recadación tributaria de Santiago, un espazo de traballo colaborativo ou coworking, sala de reunións, auditorio e aula de formación, ademais de dependencias institucionais para actos, encontros e presentacións.
A zona de recadación disporá de máis de 200 metros cadrados, con área de espera pública, espazo de atención e traballo con capacidade para 17 postos e despacho independente para a xefatura de zona. O inmóbel contará tamén con zona de arquivo e almacén, aseos con accesibilidade, sala de reunións de arredor de 39 metros cadrados, un auditorio e aula de formación de máis de 110 metros cadrados e un espazo institucional duns 90 metros cadrados.
O local ocupa integramente a planta baixa do edificio, ten acceso directo desde a rúa San Pedro Mezonzo e dispón xa dun itinerario sen barreiras arquitectónicas. A memoria sinala ademais que o local se atopa totalmente acondicionado, con fachada rematada, acabados interiores en bo estado e conexión ás redes de subministración de electricidade, auga para consumo, saneamento e telecomunicacións.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación forma parte da aposta do goberno provincial por "achegar a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e abrir a institución á actividade económica, social e cultural".
