As novas técnicas de mercadotecnia centran os novos obradoiros (cinco) de SmartPeme+

luns, 6 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións achéganse en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa) entre o luns 6 e o venres 10 de outubro e afondarán en cuestións como o plan de empresa, a fotografía de produto, a venta en liña, a mercadotecnia por correo electrónico ou a aplicación da Intelixencia Artificial na estratexia de contido, entre outros temas de interese para persoas autónomas, profesionais, pemes e empresas en xeral da provincia.
Este luns 6 de outubro celebrarase o obradoiro As túas fotografías para a campaña de Nadal, a partir das 12.00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. As persoas participantes aprenderán a compoñer e enfocar as fotografías de maneira que atopen un estilo propio para o seu produto, marca ou servizo, e conseguir destacar. A sesión será impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 7 de setembro ás 12:00 horas terá lugar o obradoiro Crea unha campaña de email márketing con MailChimp coordinado pola oficina de Lalín. Este obradoiro abordará como crear listas de bases de datos, deseñar formularios de subscrición e optimizar campañas con Mailchimp, unha das ferramentas máis coñecidas da mercadotecnia a través de correo electrónico (email marketing). As persoas participantes crearán un boletín en liña (newsletter) e todos os pasos necesarios serán explicados por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con experiencia en comunicación corporativa. As inscricións pódense realizar no formulario xa dispoñible.
O mércores 8 ás 12.00 horas a oficina de Vigo organiza o obradoiro Crea o teu plan de empresa. A folla de ruta para o éxito do teu negocio. As persoas participantes aprenderán a estruturar a súa idea de negocio, analizar a súa viabilidade financeira e preparar a documentación necesaria para buscar financiamento. Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en emprego e emprendemento, será a encargada de impartir a sesión, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O xoves 9 de outubro ás 12.00 horas tamén a oficina do Vigo desenvolverá o obradoiro Woocommerce I. A solución que buscabas para vender por Internet. María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con máis de 5 anos de experiencia en marketing dixital e comercio electrónico, ensinará a crear tendas en liña con Woocommerce, o plugin de balde de WordPress. As persoas interesadas poden inscribirse en liña.
Por último, o venres 10 de outubro celebrarase o obradoiro Crea unha estratexia de contido gañadora con ChatGPT (AI), a partir das 12.00 horas organizado pola oficina do Porriño. As persoas participantes descubrirán como utilizar a Intelixencia Artificial para crear unha estratexia de contido sólida e adaptada ao seu negocio. Aprenderán a identificar o seu cliente ideal, definir os seus piares de contido e xerar publicacións con ChatGPT que conecten coa súa audiencia. A sesión será impartida por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con máis de 8 anos de experiencia en desenvolvemento de proxectos web, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.