As TIC cobran protagonismo nas candidaturas dos premios empresariais da Deputación da Coruña

xoves, 15 de marzo do 2018 Redacción

Os galardóns empresariais da Deputación da Coruña vanse entregar o vindeiro 23 de marzo. Estamos a falar do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial e das súas tres categorías, dotadas con 25.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova (para proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada (para empresas que conten con máis de cinco anos de actividade), e Mellor Iniciativa Socialmente Responsábel (que premiará as firmas que contribúan ao medre sustentábel da provincia). Segundo fai saber a Deputación da Coruña, coma na anterior convocatoria hai unha nutrida presenza de iniciativas tecnolóxico-dixitais entre as candidaturas presentadas. Estes e outros datos foron dados a coñecer esta semana, na xuntanza do xurado dos galardóns na sede da entidade que preside Valentín González.
Como dixemos, os gañadores daranse a coñecer o vindeiro venres 23 de marzo, nun acto que contará coa presenza do presidente da Deputación e o deputado de Promoción Económica, José Luis García, e representantes do tecido empresarial da provincia.
A Deputación convocou este premio por segundo ano consecutivo dentro das accións do Plan de Emprego Local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento económico dos concellos coruñeses.
Na xuntanza desta semana fíxose saber que un total de 78 empresas da provincia presentaron as súas candidaturas ás tres categorías coas que conta o galardón. O xurado estivo presidido polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, mentres que o secretario foi Rafael Díaz-Aguado, Xefe do Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, entre as que se inclúen a Asociación de Empresarios Novos da Coruña, a USC, a UDC, a CEC ou a Cámara de Comercio de Santiago.
Os dez membros do xurado avaliaron as candidaturas seguindo criterios como “a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de traballo ou a implantación de medidas de RSC, entre outros”.
En canto aos ámbitos de actividade das empresas, salientan as adicadas ás novas tecnoloxías da información e á programación informática, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e desenvolvemento de aplicacións. Tamén concorren a este segundo premio empresas dos sectores da alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.

PUBLICIDADE