As novas tecnoloxías marcarán o formato e os contidos do novo coworking de Barro

venres, 11 de setembro do 2020 S. P.

Este 11 de setembro celebrouse a presentación do novo coworking de Barro (a súa sexta edición) e máis da nova convocatoria (a terceira) da aceleradora local de turismo, ambas iniciativas impulsadas pola Deputación de Pontevedra. No acto participou a presidenta Carmela Silva, que mostrou o “total apoio” do seu Goberno a “converter ideas e proxectos en economía e creación de emprego”. Segundo fixo saber, serán un total de 25 os proxectos beneficiarios de ambas iniciativas cuxo prazo de inscrición está xa aberto a través das webs da EOI e de SmartPEME.
En canto ao sexto coworking de Barro será, ao igual que o anterior, en formato online por mor da pandemia. Neste caso, a presidenta informou que o programa, para o que se pode solicitar xa praza, dará cabida gratuitamente, entre outubro de 2020 e marzo de 2021, a 20 proxectos emprendedores da provincia “en fase temperá de desenvolvemento ou creados recentemente”. Concretamente Silva destacou que para esta sexta edición os proxectos "deberán estar enmarcados na dixitalización, a transición cara unha economía sustentábel, a aposta polo I+D+i e as novas tecnoloxías".
Os proxectos que participen na nova edición do programa de traballo colaborativo recibirán un programa de asesoramento personalizado para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos así como para validar os seus modelos de negocio.
Polo que respecta á III Aceleradora de Turismo, serán cinco os proxectos que se beneficien deste programa para a que se pode solicitar xa praza (ata o 15 de outubro) na web de SmartPEME. “Trátase dunha forte aposta polo sector turístico, máis agora coa pandemia, xa que sabemos que este sector é o que máis está a sufrir as súas consecuencias”, asegurou Carmela Silva quen detallou que a aceleradora fornecerá dunha formación e dun seguimento “moi exhaustivos e personalizados”. Concretamente a presidenta explicou que o programa achega formación relativa á tecnoloxía, imaxe dixital e competitividade así como sobre innovación, oportunidades na promoción e comercialización, mercadotecnia dixital e finanzas.

PUBLICIDADE