As novas tecnoloxías nas aulas e a defensa das nosas industrias culturais, piares do Foro Culturgal
venres, 26 de outubro do 2012
As
industrias creativas forman parte dos nosos principais motores de
desenvolvemento económico e social. Este é un dos alicerces,
practicamente unha chamada de atención para que as institucións
responsables do seu coidado non deixen de apoialas, do Foro
Culturgal 2012, un encontro de debate que chega á súa segunda
edición tocando cuestións que nos collen ben de preto nesta web,
como por exemplo as Ferramentas
TIC e multimedia nas aulas,
precisamente o título da xornada de difusión prevista para o sábado
1 de decembro, dentro do Foro e achegando charlas e obradoiros para
profesionais do sector educativo.
Como
dixemos, a
segunda edición do Foro Culturgal quere facer
visible
unha cultura que “é
moito máis que un conxunto de produtos ou servizos, un sector
cultural que é moito máis que un sector económico”. Estamos
a falar dunha parte importante da nosa identidade, a nosa marca e
distintivo (imprescindible para termos mercado) e un eido de
actividade que dá traballo e riqueza produtiva a mans cheas,
beneficiando a tódolos sectores (transversabilidade). A cita (o Foro
Culturgal) é os
días 30 de novembro e 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra
e os dous eixos de traballo principais os seguintes:
O encontro
Compartindo multiplicamos. Mesa de traballo para Axentes Culturais
reunirá o venres 30 de novembro, de 10h a 18h, arredor de 10
mesas de traballo a 20 profesionais destacados
do sector
cultural de Galicia e do resto da Península,
para que aborden xunto co resto dos asistentes temas clave como
internacionalización, financiamento, recursos e programación e
produción cultural e as súas vinculacións co contexto e coas
comunidades. Algúns dos profesionais destacados que estarán na
xornada do venres son Jordi Durán, director artístico de
FiraTàrrega 2012; Cristina Salvador, directora de aPortada; Cristina
Alonso, directora de Graner, ou Margarita Troguet, de Teatro
L’’Escorxador de
Lleida, entre outros moitos. Este encontro está impulsado pola
Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
A
devandita
xornada de difusión
e formación Ferramentas
TIC e multimedia nas aulas, unha visión práctica,
achegaralles aos profesionais do sector educativo, o sábado 1 de
decembro, de 10h a 19h, “unha
serie de experiencias no uso práctico e real de ferramentas
TIC e contidos multimedia pensados para as aulas”,
informan
os responsables do Foro.
Entre os relatores e relatoras que achegarán os seus coñecementos
e ideas estarán Manuel Area, catedrático de Tecnoloxía Educativa,
que ofrecerá a visión máis positiva da incorporación das
ferramentas TIC e os contidos multimedia nas aulas; Susana Vázquez,
da Fundación Barrié, que achegará a súa experiencia no proxecto
EducaBarrié como forma de contribuír á comunidade educativa; e
varios mestres e mestras de infantil, primaria e secundaria. “A
xornada”,
engade
o equipo de Culturgal,
“fomentará
o encontro entre mestres e profesionais das industrias culturais,
para que aborden xuntos os retos aos que ambos colectivos se
enfrontan á hora de fomentar a creatividade e a experimentación
coas distintas disciplinas artísticas nas etapas formativas”.
Os debates e charlas completaranse con varios obradoiros sobre
proxectos que xa están en curso, para que os asistentes poidan tamén
afondar nalgúns das iniciativas máis destacada e coñecer de cerca
o seu proceso de creación. Os obradoiros desenvolveranse
pola tarde.
O
departamento de Ordenación, Innovación e Formación do Profesorado
da Consellería de Educación e Cultura incluíu esta xornada dentro
do Plan de Formación do Profesorado para o curso 2012/2013, polo que
os mestres que se inscriban antes do 23 de novembro, a través da
aplicación fprofe,
recibirán un diploma acreditativo de 8 horas de formación.
