As nosas tres universidades, entre as dez estatais que máis fan a prol do software libre

mércores, 15 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

De novo, como cada ano, o Observatorio Tecnolóxico PortalProgramas vén de presentar o seu estudo sobre o nivel de apoio e compromiso que amosan (e aplican) as universidades estatais de cara á programación aberta e todo o que esta implica. Trátase da cuarta edición do Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL 2015), un estudo que como se indica no seu nome diríxese a medir a adhesión aos preceptos do open source das 76 institucións educativas superiores do eido xeográfico estatal. A novidade, este ano, é que a investigación abrangueu 68 universidades do eido hispanoamericano. Entre as conclusións máis salientábeis, o observatorio salienta esta: Galicia, as Illas Canarias e Andalucía seguen mantendo a súa posición de líderes coas institucións académicas máis comprometidas co software libre. De feito, as nosas tres universidades conseguiron situarse unha vez máis entre as dez primeiras clasificadas.
O estudo tamén releva que a Comunidade Valencia pide paso e que experimentou “un notábel medre neste senso”. A investigación conclúe que os plans de apoio institucional ao código aberto, o uso de estándares sen licenzas pechadas e as asesorías a empresas e administracións continúan a ser os puntos fortes do tecido académico español en canto a difusión da cultura open source. “Porén”, sinálase, “a docencia neste tipo de ferramentas é unha das cuestións a mellorar”.
A nivel galego, como dixemos, os resultados do informe emprazan (novamente) aos nosos campus entre os primeiros postos da clasificación, destacando os da Universidade da Coruña, que ocupa o sexto lugar do ranking. Séguea a Universidade de Santiago, a USC, que por acadou un índice IDSL de 34,45% o que a sitúa no oitavo lugar a nivel estatal, posición semellante á que ocupaba na edición anterior desta clasificación. Segundo explican fontes da USC, o IDSL, Índice de Difusión do Software Libre, pretende facilitar a comparación entre universidades e preséntase como unha métrica estandarizada e única que indica o esforzo que realizan por difundir o software libre (SL) en relación á que máis difunde. Así, a primeira clasificada ten un IDSL de 100 (nesta edición a Universidade de Granada) e o resto un valor entre 0 e 100 en proporción á promoción que realicen do SL.
Despois de Granada, os primeiros postos da listaxe están ocupados polas universidades das Palmas de Gran Canaria, La Laguna, Miguel Hernández de Elxe, Zaragoza, A Coruña, Sevilla, USC, Politécnica de Cataluña, Vigo (décimo lugar), Alacante, Cádiz, Oberta de Cataluña, Deusto e Politécnica de Valencia.

PUBLICIDADE