As novidades de Xabarin.gal están a darse a coñecer nos centros educativos

mércores, 18 de decembro do 2024 Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación das novidades de Xabarín.gal, unha plataforma da CRTVG con contidos en galego dirixidos á cativada co obxecto «de incrementar o emprego da nosa lingua entre as xeracións máis novas».
A presentación da nova programación fíxose ante 200 escolares do colexio compostelán Pío XII e que forma parte da campaña O novo universo Xabarín, iniciativa da CRTVG que está dando a coñecer esta plataforma de contidos por centros de Educación Infantil e de Primaria das principais cidades de Galicia.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Cultura da Xunta puxo en valor o papel desta campaña, xa que permite popularizar esta plataforma entre as familias galegas para «favorecer o consumo de contidos audiovisuais en galego nas idades máis temperás» o que propicia, segundo explicou, «un efecto contaxio e de prestixio no seu uso entre os nosos pequenos e pequenas».
Neste senso, salientou o feito de que este repositorio de contidos audiovisuais en galego tamén conta cunha aplicación móbil e tira proveito «dun dos referentes e personaxes televisivos máis querido e populares de Galicia para moitos pais e nais, que de seguro propician un achegamento afectivo e en familia a estes contidos».
Precisamente, destacou a «ampla oferta de centos de horas de contido en galego para a cativada» que abranguen música, cancións e series de debuxos animados como Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego, na que participa a Xunta de Galicia, O cordeiro Shaun ou O diario de Alice.