As obras do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia están xa rematadas a un 85%
martes, 7 de outubro do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na mañá deste 7 de outubro nunha visita para comprobar o avance das obras do que será o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, infraestrutura que se está a construír na Cidade da Cultura, en Santiago. No percorrido, informou de que o nivel de execución dos traballos acada xa o 85% e reafirmou “o compromiso da Xunta de que estará rematado a finais de ano”.
López Campos destacou que o futuro centro supón unha “ventá de oportunidades para situar a Galicia na vangarda das artes dixitais” e avanzou que, paralelamente aos avances dos traballos, “afóndase nunha maior definición do programa do usos deste centro”. Así, adiantou “a apertura dun proceso de diálogo coa comunidade de creadores e coas industrias culturais e a celebración en novembro dun foro internacional cun amplo panel de expertos e creadores”.
Sinalou que “unha vez rematadas as obras e aprobado o programa de usos o seguinte fito será o equipamento, proceso que xa está en marcha identificando a tecnoloxía necesaria para un espazo que contará cun entorno para experiencias inmersivas, áreas de Realidade Virtual ou espazos de videomapping, así como laboratorios e dispositivos orientados á comunidade escolar”.
Esta folla de ruta, dixo, rematará coa posta en funcionamento do Centro de Artes Dixitais no segundo semestre de 2026. “Vendo o ritmo ao que avanzan os traballos, estamos seguros de que estará plenamente operativo no próximo ano”, subliñou López Campos.
Salientou tamén que localizar no Gaiás o Centro de Artes Dixitais permite un aforro significativo, xa que non implica a adquisición dun solar coas características necesarias para un equipamento desta natureza nin tampouco a construción dun edificio novo. “Estamos a adaptar un espazo que xa existía e estaba en desuso, os aparcadoiros subterráneos do Teatro da Música, un dos edificios incluídos nos proxecto orixinal da Cidade da Cultural, pero que non chegaron a ser totalmente construídos”, explicou.
López Campos destacou que a Cidade da Cultura sitúa xa as artes dixitais como un dos eixos prioritarios do seu programa, aludindo así a propostas como Castelao. Mirar por Galicia, Orixes, Hábitats. Natureza estendida, o Galiverso ou Carne y Arena.
