As operadoras recomendan felicitar o 2010 un minuto antes das doce para evitar o atasco telefónico

martes, 29 de decembro do 2009 Raquel Noya

A falta de algo máis de dous días para que poidamos despedir o 2009 e recibamos o 2010 coa boca chea das tradicionais uvas da sorte, as operadoras de telefonía xa se están a frotar as mans pensando nos beneficios que meterán no peto polas chamadas e mensaxes de felicitación realizadas polo ano novo.
E non é para menos xa que se agarda que ás 00:00 horas do vindeiro 31 de decembro, se envíen uns 25 millóns de SMS, unha cifra que ano a ano increméntase paseniñamente e que nesta ocasión permitirá facturar uns 7 millóns de euros.
Porén, as autoridades xa están comezando a advertir que dos 25 millóns de SMS que se envíen á primeira hora do ano novo, “unha parte importante” non chegará ao seu destino, debido á gran saturación das redes.
E é que todo o mundo quere facer o mesmo ao mesmo tempo, e pasadas as doce, arrebolámonos cara o teléfono móbil para tratar de felicitarlle o novo ano a todos cantos coñecemos, algo que en moitas ocasións é inútil xa dende o primeiro intento.
Para evitar isto, a operadora catalana Lleida.net, que se presenta como “a primeira operadora de SMS do país”, vén de presentar a súa particular solución: enviar as tradicionais felicitacións un minuto antes de que remate o 2009 programándoos na súa plataforma con tanta antelación como desexemos, de maneira que sexan enviados automaticamente ás 23:59 horas.
Se ben é certo que non tiveron que esmagar moito os miolos para dar con esta solución (pois xa o pensaramos outros moitos antes de decidir non enviar ningún SMS por estas datas), tamén é verdade que con esta opción, os clientes evitan ter que redactar os SMS no momento e estar pendentes de que cheguen ao seu destino.
É por iso que se non podemos pasar sen ser os primeiros en felicitarlle o 2010 aos nosos amigos e familiares, o que podemos facer é acceder a Lleida.net ou descargar de balde o programa da operadora no ordenador e enviar as mensaxes programadas cun custe mínimo de 9 céntimos e máximo de 12 por mensaxe.
Segundo a firma, é válido para todos os tipos de móbil e operadoras de telefonía, e “xa teñen 500.000 SMS programados na súa cola de envíos en Noitevella”.

PUBLICIDADE