As oportunidades da dixitalización, ao detalle o 28 de xuño nunha xornada na ESEI de Ourense

mércores, 13 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolle o vindeiro 28 de xuño unha xornada que bota luz sobre as vantaxes e oportunidades que se abren coa nova revolución tecnolóxica, poñendo o foco nas vantaxes, posibilidades e desafíos da revolución aplicada ás empresas. A primeira edición da Xornada Digital Business quere responder á seguinte pregunta: Como podo aproveitar as moitas oportunidades que xera o cambio de modelo económico?
O encontro, a disposición do alumnado da dita escola e doutras facultades das tres universidades galegas, tamén quere fornecer claves e recursos a empresarios, emprendedores e a público en xeral interesado en coñecer de primeira man a opinión dos expertos acerca das potencialidades da economía dixital e como afectará ás nosas empresas (que terán que renovarse dixitalmente, si ou si, se queren sobrevivir) ou ás entidades públicas.
Segundo explica a organización da xornada, poñéndonos en situación, “nestes últimos anos estamos a vivir un cambio de modelo económico sen precedentes, do ladrillo e a especulación pasamos ao coñecemento e ao emprendemento dixital, e nesta xornada queremos dar un pouco de luz sobre termos ás veces tan utilizados como non comprendidos”.
Para as persoas interesadas, dicirlles que dende a web da xornada, www.dbusiness.es, atoparán información detallada do evento, o cal está formado por unha xornada matutina con diferentes relatorios e unha mesa redonda e pola tarde, haberá dúas clinics para aqueles que buscan mellorar o seu coñecemento nunha das dúas temáticas a tratar: visualización en servizos web e buscadores (posicionamento ou SEO) e optimización de WordPress. A equipa de relatores está formada por Fernando Muñoz, especialista en SEO e director executivo (CEO) de Señor Muñoz, Luz Castro, doutora en Informática e co-fundadora de Imaxin Software, Álvaro Fontela, experto en optimización de WordPress e director executivo de Raiola Networks, Daniel Seijo, co-fundador de Diario Motor e responsábel de Menéame, Laura Vázquez, directora de Servizos ao Cliente en Roi Scroll, e César González, experto en transformación dixital e director executivo de Contact Comunicación.
A xornada vén da man da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), a Escola Superior de Enxeñaría Informática e máis a empresa Contact Comunicación.

PUBLICIDADE