As oportunidades de negocio e innovación entre Galicia e México centran unha xornada na Tecnópole

xoves, 12 de setembro do 2019 Redacción

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vai acoller a semana vindeira, o día 23 de setembro, unha xornada de colaboración entre Galicia e México destinada a procurar novos xeitos de colaborar, innovar e tender pontes produtivos a través do atlántico, entre ámbolos países. A xornada, que se desenvolve baixo o epígrafe Visións compartidas, contará coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, e de empresas tecnolóxicas locais como por exemplo a firma galega Redegal, centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña. En termos concretos, a cita servirá para “explorar as oportunidades comerciais, de negocio e de investimento entre ambos os territorios”.
Antes da mesa redonda, presidida polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, celebrase unha presentación da man de Raúl Beyruti, presidente do grupo Gin Group, compañía referente en Latinoamérica no ámbito da administración integral de capital humano.
A mesa redonda, moderada por Marta Fernández Currás, socia directora de Ernst & Young Galicia, contará coa participación, ademais de Beyruti, do empresario da moda Roberto Verino; María Borrás, directora de negocio de crédito na compañía aseguradora BVC Artai; e Jorge Vázquez, director xeral de Redegal para España e México.
O evento, que terá lugar entre as 12 e as 15 horas do luns 23 de setembro, é de libre inscrición mediante o envío dun correo electrónico a confirmacion@galiciamexico.com.

PUBLICIDADE