As páxinas verificadas de Facebook xa poden emitir vídeo en directo a través e iOS

venres, 18 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Dende Facebook parecen empeñados en non deixar que Periscope consiga impoñerse como aplicación móbil para a retransmisión de vídeo en directo, e anuncian que os usuarios de Facebook para iOS comezarán agora a poder compartir retransmisións en vivo se contan cunha páxina verificada, o que fai que numerosas marcas, medios de comunicación ou equipos deportivos, entre outros, poidan contactar en tempo real co seu público a través de Facebook.
Para compartir unha emisión en vídeo chega con ir á páxina verificada na aplicación para iOS, premer en Publicar e seleccionar a opción de Live Video e escribir unha descrición do que se vai a emitir, de xeito que xa se podería iniciar a retransmisión, durante aque tamén pode verse o número de espectadores e comentarios dos mesmos en tempo real. Rematada a emisión o vídeo quedará na cronoloxía da páxina para que os usuarios que non puideran ver a emisión en directo poidan recuperala logo.
Os usuarios que vexan que unha das súas páxinas realizan emisións de vídeo que poden resultarlle de interese, poden subscribirse ás retransmisións para recibir notificacións con cada emisión en directo, buscando así que a xente non perda a oportunidade de seguir directos das súas páxinas favoritas.
Entre as entidades que xa está a realizar este tipo de emisións figuran tanto a Casa Branca norteamericana, como a casa branca española, ou sexa, que o Real Madrid é unha das compañías que gozan dunha páxina verificada, de xeito que poden emitir vídeo en directo a través de Facebok.

PUBLICIDADE