As pemes poderán solicitar a axuda Kit Consulting para a contratación de asesoramento dixital

martes, 11 de xuño do 2024 S. P.

A axuda de Kit Consulting, inserida no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a axenda España Dixital e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, poderase solicitar a partir do vindeiro 18 de xuño. Estas axudas están encamiñadas á contratación de servizos de asesoramento dixital dirixido a pequenas e medianas empresas de entre 10 e menos de 250 empregados.
Red.es (entidade adscrita ao Ministerio para la Transformación Digital y da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial) publicará a convocatoria e estará dispoñíbel a través da web habilitada.
O programa Kit Consulting é un compromiso do cuarto pago deste Plan e conta cun orzamento de 300 millóns de euros financiados pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. Na convocatoria detallaranse os requisitos para solicitar as axudas, as obrigas que contraen os beneficiarios, os importes máximos de axuda por cada categoría de solucións de asesoramento, a xustificación, o pago e control da implantación das solucións, etc. A dita convocatoria conta cun orzamento inicial de 150 millóns de euros ampliábeis e ten por finalidade achegar un servizo de asesoramento dixital para que as pemes poidan dar un paso máis na súa transformación dixital.
A axuda en cuestión terá forma de Bono de Asesoramento Dixital que as pemes deberán empregar na contratación dun ou varios servizos de asesoramento dos que se compón o Programa. Na convocatoria establécense tres segmentos de empresas segundo o seu tamaño e a contía da axuda para cada unha delas: empresas de entre 10 e menos de 50 empregados o bono será de 12.000 euros; segmento de empresas de entre 50 e menos de 100 empregados a contía será de 18.000 euros e para as empresas de entre 100 e menos de 250 empregados, a axuda será de 24.000 euros. As pemes beneficiarias deberán destinar o bono de asesoramento dixital de Kit Consulting á contratación dun ou varios servizos de asesoramento dun catálogo composto por 10 categorías de servizos de asesoramento en áreas de transformación dixital: asesoramento en IA, en análise de datos (básico e avanzado), en vendas dixitais, en procesos de negocio ou procesos de produción, en estratexia e rendemento de negocio, en ciberseguridade (básico, avanzado e preparación para a certificación) e asesoramento 360 en transformación dixital. A contía máxima subvencionábel para cada servizo é de 6.000 euros e establécese un mínimo de 100 horas de traballo por cada Acordo de Prestación de Servizo de Asesoramento formalizado.
Será a partir do 18 de xuño ás 11 horas cando as pequenas e medianas empresas poidan solicitar a axuda de Kit Consulting a través da sede electrónica de Red.es ou a través dun formulario automatizado que tamén será accesíbel desde a plataforma Acelera Peme. O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 31 de decembro de 2024 ás 11 horas. Red.es determinará o segmento ao que corresponde a solicitude tendo en conta os datos do número de traballadores existentes no Réxime Xeral da Seguridade Social e no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou valéndose de calquera outro medio válido en Dereito.
As empresas interesadas en participar poden acceder a toda a información na web, no teléfono 900 223 322 e no correo electrónico info@kitconsulting.es. Os Asesores Dixitais contarán tamén cun servizo de atención ao Asesor Dixital no teléfono 900 903 595 e no correo electrónico infoasesordigital@acelerapyme..
Para consultar as bases do programa Kit Consulting cómpre visitar a publicación do BOE do 11 de maio.