As posibilidades da impresión en 3D, ao detalle nun curso aberto do Campus de Pontevedra

venres, 16 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Quen queira expandir a mente coas posibilidades da impresión en 3D, vai ter unha oportunidade de facelo ao abeiro do obradoiro que prepara a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo), un curso de 30 horas que se desenvolverá na Escola de Enxeñaría Forestal nas tardes das terceiras feiras (martes) e que xa ten aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas. Segundo nos conta a Vicerreitoria, o Taller de impresión 3D ten o obxectivo de levarnos alén “dos filamentos que de forma xeral se empregan nas impresoras 3D” e “de explorar as posibilidades que outorgan diferentes tipos de materiais”.
O curso, que busca servir como continuación ao obradoiro centrado nestas tecnoloxías, mantén aberta desde esta semana a súa inscrición na plataforma Culturxest e desenvolverase a partires do 6 de marzo, na Escola de Enxeñaría Forestal.
Cun prezo de 26 euros para os integrantes da comunidade universitaria e de 40 para o resto da cidadanía, e cun número máximo de 16 prazas, o curso responde o interese que existe entre os makers das máis variadas procedencias e dedicacións de sacarlle o máximo partido á impresión en 3D.
Segundo explica Vicente López Díaz, Txapu, responsábel de impartir este taller xunto co técnico dos servizos informáticos Antón Vázquez, non será preciso nin esixíbel contar cuns coñecementos de base para asistir á actividade. Por outra banda, no caso de xuntar alumnado con diferentes graos de manexo deste tipo de dispositivos, artellaríase en diferentes grupos.
De carácter práctico, o propósito central do taller é que as e os asistentes, unha vez conten cuns coñecementos introdutorios, poidan “centrarse en imprimir propiamente”, explica López, engadindo que o que se busca é que “coñezan as potencialidades deste tipo de tecnoloxías experimentando directamente, realizando diferentes probas e prototipos”.

PUBLICIDADE