As posibilidades da rede social TikTok, polo miúdo nun curso da Cámara de Santiago

luns, 13 de maio do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza a semana vindeira, entre o 20 e o 24 de maio, unha nova acción formativa en liña centrada na transformación tecnolóxica: o curso gratuíto Uso de TikTok como canle de promoción e a comunicación. Celebrarase en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.
A través desta actividade formativa os participantes adquirirán os coñecementos e técnicas básicas para poder sacar un maior rendemento da rede social TikTok como canle de promoción e comunicación para a súa empresa.
Traballarase dende a creación dunha conta en dita rede social, como transformar unha conta particular en conta de empresas ata como monetizar o seu contido convertendo TikTok nunha vía alternativa de ingresos.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.