As posibilidades das TIC para recuperar nomes de lugar, polo miúdo nunhas xornadas en Ames

mércores, 4 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística organizan os días 18, 19 e 30 de setembro unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do termo municipal e cuxo obxectivo é achegar a importancia dos nomes de lugar ao eido da docencia, poñer o foco no valor educativo de documentalos e botar luz sobre os diferentes recursos TIC dos que se poden botar man para o traballo de visualización e rexistro toponímico. A cita, que tamén fará fincapé no potencial de normalización lingüística do estudo dos nomes de lugar, será no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 16.30 a 20.30 horas.
Ofértanse 40 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, estando o prazo aberto ata o 11 de setembro (a través de normalizacion@concellodeames.gal).
Nun plano máis concreto, nestas xornadas achegaranse nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Alén da base teórica das diversas intervencións, as xornadas serán “fundamentalmente prácticas” e a través delas achegaranse propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que “impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de normalización lingüística”.

PUBLICIDADE