As principais firmas e entidades do ecosistema galego emprendedor xuntaranse na Pont-Up Store

xoves, 12 de setembro do 2024 S. P.

A organización da feira Pont-Up Store compartiu a programación da súa 11ª edición, que se celebrará en Pontevedra o venres 20 e o sábado 21 de setembro. No acto participou (entre outras/os) o director do evento, Pedro Figueiroa, quen salientou que “nesta edición as principais entidades e empresas do ecosistema emprendedor galego van celebrar dentro do encontro as súas actividades anuais, o que nos consolida como o espazo de referencia do emprendemento no Noroeste peninsular”.
Figueroa estivo acompañado da concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández López; o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez Artime; e a vicerreitora do Campus de Pontevedra da UVigo, Eva Lantarón Caeiro.
Grandes eventos
O programa inclúe acontecementos de gran relevancia, como a xuntanza do conselleiro reitor da unión de cooperativas Espazo Coop; a celebración do Demo-Day do INCUVI-Emprende (UVigo) e a entrega dos premios a traballos fin de estudos e teses doutorais de emprendemento; a presentación do Xogo do Emprendemento desenvolvido pola Consellería de Traballo xunto coa cooperativa Buscalume (con stand na carpa) para promover o emprendemento entre o alumnado da ESO; unha mesa redonda para presentar as axudas das que poden beneficiarse os emprendementos, e unha xornada de networking onde as novas iniciativas empresariais poden presentar proxectos e buscar sinerxías. Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará nun dos stands proxectos dos seus centros de emprendemento de Lalín e Barro.
Formación
Dentro das alianzas que encontro tece co ecosistema emprendedor atópanse tamén varias accións formativas. O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e o Instituto de Emprendemento Avanzado (IEAvanzado), desenvolverán en Pontevedra, no marco do convenio de colaboración entre a Asociación de Empresarios de Pontevedra (AEMPE) e a asociación Pont-Up Store, o programa INCIBE Emprende para fortalecer a ciberseguridade en cidadáns, pemes e profesionais, e impulsar emprendementos ciberseguros. Desenvolveranse dúas charlas formativas e un obradoiro dentro do encontro e unha cuarta acción no marco da feira EDUGAL o vindeiro 8 de outubro con xornadas intensivas de capacitación nas principais problemáticas que afectan a España en materia de ciberseguridade.
Tamén está programada unha sesión formativa ligada á área da mercadotecnia dixital que desenvolverá Pablo Medraño da empresa Koompany Talks e que porá o foco nas claves esenciais para articular unha estratexia en liña.
42 emprendementos
Entre os 42 emprendementos que se poderán ver nos stands está o primeiro proxecto español para fabricar unha embarcación solar con hidrofoils. Tamén se presentan produtos de alta cosmética que aproveitan o potencial termal galego como Blue Silk Cosmetics e Amalgama Silvestre; propostas que tiran rendemento do noso monte transformando os cogomelos en produtos de alto valor engadido como Maremonte Setas, producindo mel e derivados como Terras de Boborás, ou aceite de oliva artesanal como Embruxo. Como consecuencia da aposta do formato Pont-Up Venture, aumentan os emprendementos de base tecnolóxica como a aplicación web Certy Chain que permite a sinatura dixital segura a través de blockchain. E en contraste coa tecnoloxía chaman a atención dúas novas empresas dedicadas a crear xogos de mesa como Buscalume e xogos de cartas sobre escalada e alpinismo como Muki Xogos. As iniciativas baseadas no rural e o liderado feminino volven ser protagonistas.
Ademais, na sección Pont-Up Venture seis empresas revolucionarias no seu sector tentarán conseguir financiamento coas súas ideas de negocio. Grazas ao apoio da concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, o encontro facilitará a algúns emprendementos destacados o contacto con oportunidades de financiamento. A plataforma Knowmad Tribe, que xestiona experiencias coliving en todo o mundo; o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios; os sistema Wildfire Sentinel, pioneiro en detectar incendios a través do olor; a foodtech Vanetta Food, que fabrica zorza vegana; a liña de calzado orgánico e reciclado de Beflamboyant, e a firma Sembra Biojoyas que crea pezas de bixutería orgánica en colaboración con etnias indíxenas do Amazonas son as seis innovadoras iniciativas seleccionadas pola organización para participar na Pont-Up Venture. Neste novo formato as persoas responsábeis destes emprendementos poderán presentar as súas ideas de negocio ante un xurado composto por Alba Pombo, analista de investimentos en Xesgalicia; Pablo Campos, CEO de Unitatea Capital; Jorge González, analista de novas oportunidades de investimento en Netaccede; e Jorge Leiro, xestor en Torsa Capital e no fondo Lugo Transforma.
O Tinder do emprendemento
Ademais, a aplicación móbil Feending, coñecida como o Tinder do emprendemento, comezará a funcionar durante a feira. Esta aplicación, que permite ás empresas localizar e contactar con emprendementos afíns para iniciar relacións comerciais ou mesmo desenvolver unha joint venture, en función de criterios ou necesidades comúns, vai comezar a operar durante o encontro, conectando as 220 empresas da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store máis as 42 novas iniciativas que participan nesta edición. A ferramenta foi posta en marcha por Feending baixo a supervisión da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store en base aos datos do perfil de cada empresa, empregando as funcionalidades dos algoritmos da IA e o Big Data. Con esta información a aplicación envía a cada empresa rexistrada propostas para contactar con perfís que encaixen cos seus criterios, necesidades ou procuras.