As produtoras de contidos poden solicitar as novas axudas da Xunta a partir deste martes
luns, 29 de xaneiro do 2024
A Xunta vai achegar 2,5 millóns de euros para subvencionar proxector de produción e coprodución audiovisual neste 2024. As bases desta liña de investimento director do sector dos contidos publicáronse este luns 29 de xaneiro no DOG. As axudas poden solicitarse a partir deste 30 de xaneiro.
As axudas, impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona a través de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), teñen o obxectivo de contribuír a acadar produtos de calidade con proxección interior e exterior. Forman parte do programa integral e continuado de apoio polo que se dota de financiamento ás empresas en todo o proceso audiovisual: promoción do talento na creación, preprodución, produción, difusión e comercialización.
As bases das subvencións a producións e coproducións audiovisuais diríxense especificamente a produtoras audiovisuais independentes para catro categorías e 13 submodalidades de proxectos segundo os traballos sexan longametraxes cinematográficas de ficción, documentais ou de animación; longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes, ou películas e series para seren emitidas por televisión ou plataformas.
Nas bases especifícase que “a ampla tipoloxía de formatos que poden optar a este financiamento permite manter un equilibrio para resultar accesíbel a todas aquelas empresas que acrediten un ano de antigüidade sen interrupcións na actividade, dándolles cabida tanto a propostas máis ambiciosas respecto ao seu deseño de produción e orzamento como a outras de menor envergadura, pero de gran interese artístico e cultural”.
Os criterios de selección dos proxectos subvencionados están “moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, pero tendo en conta ao mesmo tempo a calidade dos contidos e o seu potencial de circulación a nivel estatal e internacional”.
As produtoras interesadas teñen de prazo desde este 30 de xaneiro ata o 29 de febreiro para presentar as súas propostas a esta convocatoria, que se resolverá por concorrencia competitiva.