As profesionais do salóns de peiteado introdúcese nas posibilidades da IA da man de Compostela Monumental
luns, 20 de maio do 2024
A sede da Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental acolleu nesta penúltima fin de semana de maio unha actividade formativa intensiva dirixida ás e aos profesionais dos salóns de peiteados da contorna de Santiago e, tamén, doutras localidades e comarcas da xeografía galega (Corcubión, Portonovo, Ponteceso, Lugo…etc). Foi un seminario intensivo dirixido a favorecer a transformación e a capacitación tecnolóxica das e dos profesionais do sector.
Durante o evento, as persoas asistentes aprenderon da man de Lola Navarro, recoñecida xestora de comunidades dixitais, como optimizar o uso das redes sociais, así como diversas ferramentas de edición dixital e Intelixencia Artificial, co obxectivo de aumentar vendas e mellorar o alcance dos negocios cara ao público obxectivo.
A iniciativa foi promovida pola asociada de Compostela Monumental, Ariadna Gómez, propietaria de GYG Estilistas, salón de peiteado situado na rúa dás Rodas, en pleno centro histórico de Santiago de Compostela. Gómez destacou "a importancia desta formación para manternos competitivas nun mercado cada vez máis dixitalizado" e expresou a súa satisfacción “pola alta participación e o entusiasmo mostrado polas asistentes”.
A xornada celebrouse no salón de actos da Asociación Compostela Monumental na Algalia de Arriba 31.