As profesións TIC, entre as máis demandadas na Feira de Emprego da Cámara da Coruña

martes, 7 de novembro do 2023 S. P.

Na mañá deste martes 7 de novembro celebrouse en PALEXCO a XIV edición da Feira de Emprego da Cámara, na que participaron 500 mozos e 70 empresas con preto de 300 procesos de selección abertos. Como resultado realizáronse unhas 2.000 entrevistas de emprego.
No acto de inauguración participaron Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña. Para Antonio Couceiro, “a Cámara está moi implicada coa recuperación económica en xeral e do emprego en particular, moi especialmente entre a mocidade, os profesionais do futuro”.
Pola súa banda parte, Elena Rivo, puxo en valor iniciativas que o seu departamento revalidará en 2024 como o programa Investigo ou Talento 30 cos que quere mellorar a empregabilidade xuvenil no eido da Investigación e o Desenvolvemento (I+D) e garantir prácticas profesionais aos máis novos. Animou así mesmo a aproveitar a oportunidade que brindará a nova bolsa de substitución de negocios que estreará o ano que vén a Consellería.
Postos máis demandados
O que máis buscan as empresas da Coruña son tecnólogos, enxeñeiros, electricistas, técnicos de mantemento, frigoristas, persoal de comercio, persoal de entidades financeiras, persoal para as Forzas Armadas, soldadores, carpinteiros, persoal para o sector de loxística ou da hostalería, entre outros.
Obradoiros de empregabilidade
No transcurso da mañá, a mocidade participante puido asistir tamén a obradoiros nos que se abordaron estratexias útiles para participar en procesos de selección.
Empresas participantes
As candidatas e candidatos tiveron ocasión de presentar os seus currículos e entrevistarse cos responsábeis de Recursos Humanos destas compañías que, en total, sumaron preto de 300 ofertas de emprego activas en sectores como o de alimentación, metal, comercio, servizos, sanitario ou tecnolóxico (TIC), entre outros. O sector TIC contou cunha ampla representación, por exemplo a través de CIE, Disashop, Tecdesoft, Texas Controls ou a consultora tecnolóxica Nunegal, entre outras.
En total, as empresas que xa confirmaron a súa participación nesta edición son: Abanca, Aena, APECCO, Applus, Arba Enerxía, Arce Clima, Areté, ASEB (Asociación de Empresarios de Bergondo), Carrefour, CIE Tecnoloxías, Citanias, Clece (Grupo Clece), Disashop, Domusvi, Ecomt (Grupo Abeirar), El Corte Inglés, EOS Spain, Flying Tiger, FUAC (Fundación Universidade da Coruña), Fundación Equipo Humano, Fundación NARU, Gadisa, Genesal Energy, Gi Group, GOC Consultoría e Enxeñería, Greenalia, Grupo Aluman, Grupo Calvo, Grupo Clave, Grupo Eulen, Grupo Eulen-Flexiplan, Grupo Externa, Grupo Gasthof, Grupo Gestán, Grupo Inverdama, Grupo Konecta, Grupo Malasa, Grupo Soledad, Horta Coslada, Iman Temporing, Incoga, Insere Fundación ONCE, Instra Enxeñeiros (Grupo Abeirar), Integra Cee, Inusual, Xoierías José Luis, Leroy Merlin, LN Consultores, Luckia, Ministerio de Defensa, Norconsulting Recruitment, Nordés Ancín (Grupo Abeirar), Nortempo, Northius, Nunegal Consulting, Osmos, Pacto ETT, Recambios Barreiro, Repsol, Samaín (Grupo Clece), Santa Lucía, Synergie ETT, Tecdesoft, Temporing, Texas Controls, Vegalsa -Eroski e Zemsania.
A Feira de Emprego do PICE enmárcase no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil do Ministerio de Traballo e Economía Social e está cofinanciada pola Unión Europea.