As profesións informáticas están presentes nos 188 postos de traballo que creará a Deputación de Lugo

venres, 2 de febreiro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo anunciou hoxe que xerará no eido da provincia outros 188 novos postos de traballo en empresas e colectivos sen ánimo de lucro. Farao a través da cuarta edición do programa Ben Empregado e, igual que en convocatorias previas, apostando polas profesións TIC (entre outras moitas). Novamente, a entidade que preside Darío Campos asumirá durante 1 ano os custos laborais dos novos traballadores con 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers ou os técnicos en informática.
O presidente Darío Campos, na presentación destes 188 novos postos de traballo, puxo en valor o “esforzo que estamos a facer dende o Goberno provincial para xerar emprego de calidade para os lucenses e na nosa provincia”. Segundo engadiu, malia que “a Deputación non ten as competencias directas en emprego”, dende o Executivo provincial “non miramos cara a outro lado, pois a nosa prioridade son as persoas”. Campos engadiu que, neste senso, o esforzo investidor xa foi alén dos 20 millóns de euros na xeración, nos 67 concellos da provincia, de máis de 1.000 empregos para lucenses a través do Ben Empregado e do DepuEmprego.
O prazo de solicitude para participar abrirase o vindeiro luns e ficará aberto até o 19 de febreiro. Os interesados deberán inscribirse a través da Axencia de Colocación da Deputación. Poden facelo de maneira telemática, entrando directamente a http://deputacionlugoportalemp.com, que o enderezo da plataforma web da dita Axencia, ou ben entrar en www.deputacionlugo.gal e logo premer no banner da Axencia. Unha vez entradas nesta plataforma, as persoas interesadas deberán rexistrase e acceder ao Espazo do Demandante, onde verán todos os empregos ofertados para solicitar os mesmos. Tamén poden inscribirse, de xeito presencial na oficina da Axencia de Colocación da Deputación, que se sitúa no primeiro andar do Pazo de San Marcos.
Como dixemos, os 188 empregos son en practicamente todos os sectores, incluído o sector das novas tecnoloxías e os chamados da innovación (comunity managers, técnicos superiores en sistemas informáticos, programadores, deseñadores gráficos, etc).

PUBLICIDADE