As propostas para actualizar o Plan de Normalización da Lingua canalizaranse nunha caixa virtual

luns, 21 de xullo do 2025 S. P.

A Consellería de Cultura, a través da Secretaría da Lingua, informou da apertura á cidadanía do proceso de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, habilitando unha caixa virtual para recoller as achegas de todas aquelas persoas que desexen participar. Así o anunciou este 21 de xullo conselleiro de Cultura, José López Campos nunha reunión mantida cos responsables das 11 comisións formadas para levar a cabo o proceso de renovación. Na cita participou tamén o secretario xeral, Valentín García.
Tal e como explicou o conselleiro, con esta medida “cumprimos coa folla de ruta prevista desde o inicio, cando xa avanzamos a nosa vontade de escoita e clara intención participativa, implicando non só aos grupos políticos, tamén aos axentes sociais e á poboación en xeral”. Deste xeito, calquera persoa poderá enviar, a nivel individual ou colectivo, a súa proposta a través dun formulario que estará dispoñible a partir deste 22 de xullo no Portal da Lingua.
Durante o encontro os grupos de traballo entregaron ao coordinador da actualización, o académico Manuel González, a primeira documentación obtida tras preto de 250 contactos con institucións, asociacións, colectivos e persoas individuais de relevancia nas distintas áreas temáticas nas que se estruturou un proceso iniciado no mes de decembro. López agradeceu “a dedicación e esforzo dos expertos que conforman cada un dos bloques na recollida e análise das achegas para que o coordinador conte hoxe coas primeiras conclusións”.
O conselleiro salientou tamén o percorrido iniciado cos contactos coas distintas formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia e “que continuou coas conversas por parte dos membros das comisións coas principais institucións culturais da Comunidade como a Real Academia Galega da Lingua ou o Consello da Cultura Galega, entre outras, así como con outros entes como son a Nova Escola Galega, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua ou fundacións de autor, representadas neste caso polos presidentes da dedicada a Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra”, dixo.
Lembrou que a renovación do Plan de Normalización da Lingua Galega é unha das accións principais do plan posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Pacto pola Lingua, co obxectivo de “impulsar o uso do galego, incentivar a súa presenza en moi diversos eidos e prestixialo como idioma nos diferentes sectores e espazos de convivencia da sociedade”.
Entre as medidas incluídas figuran os avances e mellora na plataforma Neofalantes en Rede, o desenvolvemento de contidos audiovisuais infantís en galego a través da canle Xabarín ou os programas lúdicos celebrados nos centros escolares durante o curso para incentivar o uso do idioma.