As provincias de Lugo e Ourense incorporan o sistema de receitas electrónicas para 13.000 mutualistas
martes, 15 de xullo do 2025
A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, participou este 15 de xullo na posta en marcha da receita electrónica concertada de MUFACE na provincia, onde se realizou a primeira dispensación electrónica a un mutualista lucense adscrito á opción concertada. Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, oficiou a activación do mesmo servizo na provincia de Ourense. Ademais, tal e como sinalamos en Código Cero, María Rivas participou nunha presentación análoga na provincia da Coruña.
En Lugo
Isabel Rodríguez destacou que “este avance permite unha maior comodidade, seguridade e eficiencia para o persoal médico e farmacéutico, ao tempo que reforza o compromiso do Goberno coa modernización dos servizos sanitarios”.
No acto participaron tamén a directora do servizo provincial de MUFACE en Lugo, Noemí Fraga; o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, Alejandro Sánchez; representantes das entidades aseguradoras ADESLAS e ASISA, e o mutualista Manuel Pérez, quen recolleu a súa medicación como primeiro usuario do novo sistema.
Rodríguez lembrou que a implantación da e-receita concertada “evita desprazamentos ás consultas médicas, facilita o seguimento dos tratamentos e reduce a burocracia, garantindo ao mesmo tempo a rastrexabilidade e seguridade dos medicamentos”. Neste sentido, agradeceu a colaboración do Colexio de Farmacéuticos e de Médicos para facer posible esta iniciativa de MUFACE.
Este sistema, que xa funciona noutras comunidades como Asturias, Canarias, Navarra ou Murcia, permite ás persoas mutualistas de opción concertada obter as súas receitas de forma dixital tras seren prescritas polos facultativos das aseguradoras. Unha vez activada a receita, dispoñen de dez días para retirar o medicamento en farmacia, e no caso de tratamentos crónicos poderán recollelo mensualmente durante ata un ano.
En Lugo, beneficiaranse desta medida máis de 6.800 persoas, que a partir de agora poderán acceder á medicación coa mesma comodidade que o resto da poboación.
En Ourense
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou que os máis de 6.200 mutualistas de MUFACE que utilizan entidades médicas concertadas na provincia poden facer uso da receita electrónica desde este martes 15 de xullo. Fíxoo no acto de posta en marcha deste novo mecanismo, que tivo lugar nunha farmacia da cidade de Ourense. Asistiron tamén o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes; a secretaria provincial de MUFACE, Verónica Ventosela; a delegada de ADESLAS, Beatriz López, e a representante de ASISA, Mariló Tourón.
