As publicacións dixitais de Academia.gal enriquécense con poemas de Luisa Villalta en hindi
luns, 30 de decembro do 2024
A RAG quixo rematar o ano dando continuidade á celebración das Letras Galegas 2024 e ás homenaxes á poeta Luísa Villalta (A Coruña 1957 – 2004) e o seu universo literario. A Real Academia Galega ponlle agora o ramo a este ano que lle dedicou á poeta, dramaturga, ensaísta e narradora abríndolle a porta a unha das maiores comunidades de falantes do mundo. O profesor da Universidade Nacional Aberta Indira Gandhi da India Vikash Kumar Singh, exalumno dos cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, asina a tradución ao hindi de oito poemas de Papagaio na edición que se incorpora ao catálogo de publicacións dixitais de academia.gal, ilustrada cunha selección das fotografías de Maribel Longueira que inspiraron os versos.
“O meu obxectivo principal foi crear unha tradución poética que preserve o espírito, o ton e a voz lírica de Villalta, logrando que os poemas funcionen de maneira independente en hindi, respectando ao mesmo tempo a súa esencia orixinal”, explica Vikash Kumar Singh. “Espero que esta tradución anime os lectores indios a coñecer e valorar a figura literaria de Luísa Villalta, especialmente a aqueles interesados nos estudos literarios indo-hispánicos e na teoría da tradución”, engade.
“Vikash Kumar Singh agasállanos con esta tradución dalgúns dos poemas máis significativos da protagonista do Día das Letras Galegas ao terceiro idioma en número de falantes do mundo. Intúo que Luísa Villalta quedaría fascinada coa nova musicalidade das palabras que escribiu para lles dar voz ás mulleres apartadas ás marxes das marxes”, expresa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación do volume, editado co apoio da Xunta de Galicia, e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Temas con eco na poesía feminista india
Segundo lembra a RAG, Luísa Villalta deixou escritas dezanove composicións para as instantáneas que Maribel Longueira realizara sobre o derrubamento do Papagaio, o barrio da prostitución da Coruña. O froito daquela colaboración artística e de denuncia da violencia contras as mulleres, e da especulación urbanística, saíu do prelo tras a morte da escritora, no ano 2006. Este testamento literario ilustra dous trazos esenciais da personalidade creadora da autora: “a súa forte dimensión interartística e a aposta polo compromiso social”, apunta a académica María López Sández no limiar da edición bilingüe Poemas escollidos de Papagaio. “Reivindicativa, firme e solidaria, a súa ollada deixa patente a violencia machista e o estigma que sofren as mulleres, baixo os cascallos da cidade ferida que asoma nos versos do poemario. A imbricación que se dá neste libro entre as palabras de Villalta e as imaxes de Longueira conforma un produto semiótico total ao que agora vén sumarse a voz de Vikash, a sonoridade do hindi”, conclúe.