As quintas xornadas Doc_TIC optimizan os traballos tecnolóxicos duns 70 estudantes

luns, 18 de xuño do 2018 Redacción

Até 66 estudantes da UVigo están a someter á avaliación de Doc_TIC as súas investigacións nas múltiples facetas das novas tecnoloxías (procesado de sinal para comunicacións, procesado de fala, aplicacións para ao ensino a distancia, ferramentas de Machine Learning para o turismo ou o motor, sistemas de radiofrecuencia e sen fíos).
Como lembraremos, Doc_TIC son unhas xornadas de seguimento postas en marcha polo centro AtlantTIC (Universidade de Vigo) na Escola de Enxeñaria de Telecomunicación que teñen unha dupla finalidade: por unha banda avaliar en clave colectiva os traballos desenvolvidos polo alumnado ao longo do curso, e, pola outra, extraer pautas e recursos de retroalimentación para a optimización deses traballos.
As xornadas chegaron á súa quinta edición. A responsable do programa é a catedrática Carmen García Mateo, que salienta o potencial da xoranda para permitir ás e aos coordinadores do programa “detectar de forma temperá problemas e situacións que precisan dun cambio de rumbo”.
Dos estudantes que participan en Doc-TIC, un 50% son do ámbito internacional e realizan as súas teses de doutoramento. As exposicións dos traballos complementáronse nesta edición das xornadas con dous relatorios impartidos por dúas expertas en análise de datos mediante técnicas de intelixencia artificial. O xoves, a docente da Universidade Metropolitana de Manchester e presidenta da sección do IEEE Women in Engineering for UK and Ireland, Keeley Crockett, ofreceu un relatorio sobre o silent talker, “un sistema pioneiro que permite realizar un perfil psicolóxico dunha persoa mediante unha conversa en linguaxe natural”, explica a responsable do programa.
A sexta feira (venres), a analista de datos na BBC e especialista en datos masivos (Big Data) Clara Higuera, ademais de amosar ao alumnado a súa transición desde o mundo da academia ao da industria, realizou unha reflexión sobre como os datos poden mellorar os servizos do sector público, co exemplo concreto do uso que lle dan aos datos na televisión pública BBC.