As redes sociais e as novas técnicas de mercadotecnia dixital centran os novos obradoiros de SmartPEME

luns, 6 de xullo do 2020 Fernando Sarasketa

Continúa nesta segunda semana da xullo a actividade da rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra, achegando máis formación tecnolóxica (unha formación máis relevante ca nunca de cara á produtividade, á competitividade, á empregabilidade e ás posibilidades de superarmos fortalecidas e fortalecidos a grave crise económica e sanitaria) para persoas autónomas, pequenas e medianas empresas e profesionais. O novo paquete formativo, que tamén se achegará de maneira virtual, vén con sete novas accións.
Os obradoiros, con 10 prazas cada un, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de mercadotecnia dixital.
A semana empezará con dous obradoiros este luns 6 de xullo, a partir das 12:00 horas será Promociona o teu negocio con Google My Business, a cargo do licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández, e dende as 17:00 horas desenvolverase Infografías: representa a información de maneira visual, impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.
O seguinte, Introdución a Google Adwords, impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, chega o martes 7 ás 17:00 horas. A partir das 12:00 horas do mércores será a quenda de Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña, a cargo de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas.
O xoves 9 de xullo haberá dous obradoiros, ás 11:00 horas será a experta en turismo Mariana Rosa a encargada de impartir Como mellorar o posicionamento local da túa empresa turística e ás 18:30 celebrarase O pacto de socios. Elementos esenciais que toda persoa emprendedora ten que coñecer, a cargo do avogado José Manuel Sendín Rodríguez. E, por último, o venres ás 12:00 horas será a quenda de Intelixencia Artificial: que é e como funciona?, impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica.

PUBLICIDADE