As redes sociais estimulan a creatividade dos usuarios, segundo un informe da ONTSI

martes, 10 de outubro do 2023 S. P.

Moito se ten falado (e se segue a falar) dos beneficios e riscos de Internet e as redes sociais, sobre todo na poboación máis nova, con esta vontade (coa vontade de clarificar conceptos) vén de publicarse o informe Impacto do aumento do uso de Internet e as redes sociais na saúde mental de mozas e adolescentes, estudo pertencente á colección Policy Brief.
Detrás deste ensaio atopamos ao Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), órgano colexiado de carácter consultivo da entidade Red.es, adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, xunto co programa Dixital Future Society.
Indo ao informe, dicir que pon de manifesto o incremento dos problemas de saúde mental nos últimos anos, especialmente como consecuencia da pandemia sanitaria. Un momento que axudou a impulsar e estender o uso das tecnoloxías dixitais e a conexión a través de Internet e as redes para ámbitos como o traballo ou a formación, pero tamén tivo un gran impacto no benestar emocional de persoas de todas as idades especialmente en mozas e menores.
O estudo sinala que os beneficios superan aos riscos para a maior parte da poboación. De feito, documentáronse numerosos efectos positivos do uso de redes sociais sobre a saúde mental de nenos, adolescentes e mozos que teñen que ver con sentir maior aceptación (58%), expresar mellor o seu lado creativo (71%) ou estar máis conectados co que sucede na vida das súas amizades (80%).
Pero tamén fai unha análise das repercusións directas que teñen a exposición ás pantallas na saúde física e mental.
Este ensaio subliña que a partir dos 12 anos existe risco de facer uso compulsivo de internet e redes sociais. Así, un 11,3% da poboación usuaria de entre 15 e 24 anos está en risco elevado e a cifra ascende ao 33% entre a franxa dos 12 aos 16 anos.
Este uso indebido, cuxos síntomas poden ser a necesidade de uso crecente, a síndrome de abstinencia ou unha interferencia noutras facetas da vida, pode afectar en distinto grao en diferentes eidos. Por exemplo, pode afectar negativamente ao rendemento das persoas no posto de traballo e un 44,6% de estudantes asegura que lles quita tempo de estudo. Amais, quen teñen máis dependencia a esta tecnoloxía, practican menos deporte e un 12,9% reduciu moito ou bastante o tempo que adicaba a saídas culturais.
Todo isto está a provocar un aumento de soidade e falta de socialización. Así, un 9,4% dos novos usuarios afirma pasar menos tempo coas súas amizades de xeito presencial e un 26% recoñece estar bastante ou moito tempo só desde que usa dispositivos tecnolóxicos. Estes problemas agraváronse durante o confinamento, cando se viviu illamento social e reducíronse os plans de lecer, provocando angustia, ansiedade e depresión.
Entre os fenómenos que atopamos detrás destas cifras está o coñecido como síndrome FOMO (do inglés Fear Of Missing Out), é dicir, medo a perderse algo. Esta síndrome produce angustia ou preocupación por ausentarse de Internet e as redes sociais ou perderse algunha experiencia que outras persoas, como familiares ou amizades, poderían estar a gozar.
Engadir, por último, que recentemente puxéronse en marcha diversas estratexias no noso país para mellorar a saúde mental da cidadanía, con prioridade na poboación adolescente e xuvenil. Entre as iniciativas atopamos a Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde e do Plan de Acción de Saúde Mental 2022-2024. Entre as recomendacións para previr o uso abusivo das pantallas atópase fomentar a concienciación, considerar o control parental, formar a familias e centros escolares na adquisición de competencias básicas ou investir máis recursos para atender de maneira axeitada á poboación adolescente e xuvenil que o sofre.

PUBLICIDADE