As redes xogarán un papel decisivo no proxecto para protexer e reivindicar o noso cabalo salvaxe

mércores, 21 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo vén de achegar máis datos sobre a investigación Estudo e conservación do Cabalo Galego de Monte e o proxecto resultante da mesma para optimizar o noso coñecemento sobre estes animais, facilitar o seu seguimento e o seu estado de saúde e mellorar os procesos de xestión das greas de cabalos nas súas contornas, e todo isto poñendo en práctica novas tecnoloxías de información e emprego de drons. Segundo puidemos saber, o proxecto atópase na súa segunda fase, que inclúe, entre outras cousas, acordos de custodia do territorio con comunidades de montes ou administracións, a creación da primeira entidade específica de salvagarda de cabalos e, como dixemos, o uso de novos recursos como vehículos aéreos non tripulados para estudar novas metodoloxías de inventariado e os efectos desta especie na redución da biomasa forestal. Estes retos foron presentados estes días en Pontevedra, facendo fincapé no papel crucial das TIC para a súa consecución.
A iniciativa ten a súa orixe en 2015, cando o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal (Campus de Pontevedra), a través dun proxecto seleccionado pola Fundación Biodiversidade (dependente do Goberno central), comezou a traballar arreo no estudo e na conservación do cabalo galego de monte, unha especie de gran valor por moitos e variados motivos: para comezar, é unha raza autóctona nosa, de gran importancia medio ambiental e unha das poucas especies de cabalos salvaxes que viven aínda en liberdade.
A equipa AF-4, que traballa agora co grupo Sepcom (da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación), ten entre os seus obxectivos fundamentais o de conquerir que os logros obtidos no proxecto se manteñan no tempo. Segundo salientou na presentación da iniciativa o responsábel do grupo AF-4 e investigador principal do proxecto, Enrique Valero, protexer o cabalo salvaxe é protexer o que somos e, tamén, protexer os nosos montes. De feito, indicou, é unha especie de gran importancia para reducir a biomasa forestal (toxo e outras plantas), cuxa acumulación “é un perigo para a propagación dos lumes”, así como na “conservación de biodivesidade”, xa que contribúe tanto ao mantemento de “hábitats declarados prioritarios pola Unión Europea” como a conservación de especies como o lobo.
Na presentación da investigación tamén participaron a investigadora do grupo AF-4 Xana Álvarez, o integrante do grupo Sepcom Oswaldo García e o representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas (Fornelos de Montes), Raimundo Domínguez.
Como dixemos, entre as novidades desta segunda fase dos traballos atópase o uso de drons como ferramenta coa que “acometer os labores de inventariado desta especie”, así como para avaliar “a incidencia positiva que teñen estes cabalos na acumulación de biomasa”, estudando canto e como contribúen a súa redución ao longo do ano a través da xeración de modelos volumétricos. Trátase duns traballos que, coa colaboración da empresa Xeométrica, levaranse a cabo nunha parcela piloto nos montes que xestiona a CMVCM de Estacas. Montes nos que no ano 85 vivían en torno a 300 cabalos e nos que hoxe só fican quedan 25 ou 30, segundo lembrou Raimundo González, quen salientou a importancia deste proxecto, “non só pola conservación dunha raza autóctona que é tamén o bombeiro do monte”, senón para a propia supervivencia “do monte e do rural galego”.
Segundo engadiron, a incorporación do grupo Sepcom posibilitará pór o foco noutro dos retos do proxecto: a divulgación e a sensibilización da sociedade galega respecto da importancia desta especie e o seu papel cultural, patrimonial e ecolóxico. Para logralo, Sepcom encargarase da realización de “contidos audiovisuais periódicos que vaian da man da propia investigación”, xunto cunha análise do impacto de cada unha das pezas que integren esa “campaña dixital”. A estas contribucións engadirase a difusión nas redes sociais e o uso da información volumétrica en tres dimensións que xeren os drons para poder ofrecer ao público unha serie de contidos nos que “poida elixir cando e como quere velos”, explicaron.

PUBLICIDADE