As regueifas científicas da USC abordan o dilema da seguridade fronte á privacidade dixital

luns, 22 de maio do 2017 Redacción

As Regueifas de Ciencia, o programa divulgativo da Universidade de Santiago e da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía), vainos ofrecer os días vindeiros unha nova xeira de debate regueifeiro arredor da ciberseguridade (un debate participativo, con exposicións e retruques dos participantes). Máis polo miúdo, o que se vai abordar serán os retos que pon en xogo o avance das novas tecnoloxías da información (modificando de xeito radical as dinámicas sociais), uns retos que están relacionados coa protección e coa salvagarda dos datos e das comunicacións, e tamén coas fórmulas das que podemos dispor para manter a máxima seguridade nas nosas sesións ao abeiro das TIC. A cita será o 1 de xuño. Será, en palabras dos organizadores, “unha reflexión sobre que priorizar: a seguridade ou a privacidade?”
Na quedada regueifeira abordaranse cuestións concretas sobre a materia, como por exemplo se existen garantías de privacidade fronte ao Estado ou as empresas, a propiedade dos datos persoais ou se é de abondo a lexislación existente. Estes temas serán tratados nese foro de reflexión, que terá lugar ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación.
Na regueifa participarán especialistas de primeiro nivel como a xornalista de eldiario.es, Marta Peirano, fundadora de Cryptoparty Berlin e co directora de CopyFight; a avogada especialista en Dereito Tecnolóxico, Paloma Llaneza; o membro da Unidade de Investigación Tecnolóxica do Corpo Nacional de Policía Eduardo Casas; e Alberto Calero, enxeñeiro de Telecomunicacións e membro de A&J Calero e Maven7.

PUBLICIDADE