As revolucións de Internet, polo miúdo nun libro de investigadores da UVigo

mércores, 20 de febreiro do 2019 Redacción

A Universidade de Vigo vén de presentar un libro que avalía os fenómenos comunicativos aos que nos está a someter a Internet e a Sociedade da Información, piares actuais e futuros do fluxo de coñecemento e, tamén, elementos xeradores de oportunidades empresariais e revolucións sociais da máis variada índole. Estamos a falar de To the Next Station. Papers on Culture and Digital Communication, unha obra coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Benigno Fernández Salgado e a docente da Facultade de Filoloxía e Tradución María José Corvo.
En termos concretos, o volume reúne 13 estudos, na súa meirande parte de investigadores e investigadoras ligadas ao programa de doutoramento en Comunicación da UVigo (desenvolvido polas ditas dúas facultades), e que afondan en temáticas como os usos tecnolóxicos da mocidade e a súa incidencia na construción dunha identidade, a información a gran escala (Big Data) ou os algoritmos que determinan as recomendacións en redes sociais.
Publicado en inglés pola editora Peter Lang, To the next station tenta mostrar os diferentes ámbitos de investigación dun programa de doutoramento que constituíu, sinalan, “a primeira iniciativa académica de colaboración” entre dúas facultades, “que aparentemente converxían na abordaxe e estudo de temas comúns con presupostos, teorías e metodoloxías non tan diferentes como se podería supoñer”.
Artellada en bloques, a obra ábrese co artigo no que Fernández Salgado e Corvo reflexionan sobre a importancia da investigación na Internet e nas consecuencias no noso xeito de comunicarnos, para logo dar paso ás contribucións de investigadoras como Helena Cortés, de Filoloxía e Tradución, que reflexiona sobre “os límites da comunicación humana partindo do caso exemplar da tradución dun vocábulo aparentemente tan simple como pan”; ou Lourdes Lorenzo, da Universidade de Vigo, e Tomás Costal, da UNED, que abordan dende o punto de vista legal a proliferación en Internet de traducións audiovisuais de carácter amateur. A continuación é a quenda da doutora en Comunicación Josefa Piñeiro, que suma a esta publicación unha investigación dos usos tecnolóxicos dun grupo de rapaces co propósito de identificar “prácticas que enxergan por un lado fórmulas de construción identitaria e por outro modos de transferencia cultural na contorna dixital”.

PUBLICIDADE